Os usuarios do tren entre Santiago e Ourense quéixanse dos atrasos e piden ampliar frecuencias
Os usuarios do tren entre Santiago e Ourense quéixanse dos atrasos e piden ampliar frecuencias
Din os usuarios que os atrasos poden ir dende os quince minutos ata máis de media hora
Os atrasos nos trens que circulan por Galicia provocan as queixas dos usuarios, especialmente, Laura, dos que precisan utilizalos acotío. É caso dos moitos viaxeiros que utilizan cada día os trens que comunican Ourense ou Vigo con Santiago ou A Coruña, por exemplo.
Din os usuarios que os atrasos son continuados e poden ir dende os quince ou os vinte minutos ata máis de media hora, e moitas veces sen información dabondo salvo a que poden consultar na aplicación móbil.
"Tócame sufrir os atrasos continuos que teñen as liñas de RENFE que comunican Santiago e Ourense".
Óscar é profesor en Ourense, chega aquí cada día dende Santiago. Son sobre todo os que coma el o utilizan acotío os que non dubidan cando se fala de trens que non chegan á súa hora.
Onte superaron os corenta minutos de atraso en dous trens que viaxaron dende Ourense: un con destino A Coruña e outro con destino Vigo.
"No caso de algúns dos meus compañeiros, un deles penso que tivo case corenta minutos máis ou menos de atraso".
Din os usuarios que mesmo chega a causar estrañeza que os trens cheguen á súa hora.
"De Ourense a Santiago normalmente pola tarde como vinte minutos de atraso, e para vir pola mañá que ademais teño que vir como para as seis e media, hai entre quince e vinte minutos de atraso todos os días. Onte chegou a tempo e saíu a tempo e foi como: qué é isto?".
Esta situación din que vén xa de tempo atrás, por iso coidan que é preciso algún cambio que garanta que eses horarios se cumpran.
"Sobre todo para aqueles que dependemos dos horarios para chegar o noso posto de traballo e demandamos tamén outro tipo de frecuencias, unha frecuencia racional e adecuada as persoas que traballamos e temos que viaxar a diario".
As frecuencias, din, son tamén importantes porque hai tramos no día en que durante horas non hai conexión posible entre Ourense e Santiago, por exemplo.