Os veciños de Coaxe denuncian o almacén pirotécnico no concello de Catoira
Os veciños de Coaxe denuncian o almacén pirotécnico no concello de Catoira
Os veciños din que a obra se sustenta nunha fraude e nunha falsidade
Piden que paren as obras e que se derrube o construído se non é legal
Os veciños e veciñas de Coaxe, en Catoira, seguen co seu pulso ao Concello pola construción do que din vai ser un almacén pirotécnico preto das vivendas. Acaban de presentar unha denuncia no Concello.
Din que este proxecto está baseado nunha fraude e nunha falsidade. Aseguran que o permiso que foi concedido para un uso agrario non pode mudarse para acabar converténdose nun almacén de material pirotécnico. Por iso piden a súa paralización inmediata. Ademais din que incorre en irregularidades mesmo da propia normativa para a que foi autorizada. Afirman que, por exemplo, o peche da leira non é legal.
A denuncia fai referencia desde a falla de correspondencia entre o uso autorizado polo informe preceptivo da Consellería do Medio Rural e o finalmente declarado pola empresa promotora, ata o exceso das obras realizadas respecto a as autorizadas polo Concello. Din que están facendo movementos de terra e construíndo un muro de peche e diversas acometidas sen que exista licenza.
"A comunicación previa só fala da construción dese alboio e fixeron outras obras que non teñen autorización municipal como o movemento de terras ou o valado de peche da leira, ou as gabias para as acometidas de electricidade, que alí entendemos que será cun xerador, porque no monte non hai corrente eléctrica", afirma Manuel Martín García, avogado dos veciños de Coaxe..
En canto ao uso que se pretende dar á construción, aseguran que todos os indicios apuntan a que vai ser un almacén de material pirotécnico, aínda que non consta que conte con autorización da Delegación Provincial do Goberno. Ademais supera 10 metros cadrados o autorizado polo lei, se finalmente fora para uso agrario.
"En caso de que a construción sexa incompatible coa legalidade hai que derrubala. Que se axuste á legalidade, que non estamos vendo por parte do concello porque sabemos que as obras de peche e de achanzado de terra están a executarse neste momento", asegura Martín.
Pola súa banda, o Concello amosou publicamente o rexeitamento a construción dun almacén pirotécnico, días despois de comezar as protestas dos veciños e de ter asinado os permisos da obra.