Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os veciños de Guntín danlles unha afectuosa despedida aos xerentes dun supermercado dos de toda a vida

Os veciños de Guntín danlles unha afectuosa despedida aos xerentes dun supermercado dos de toda a vida

Despois de 38 anos de traballo, Elena e Jesús botaron a reixa dun negocio que abría de luns a domingo

G24.gal 07/01/2025 14:03

Despois de 38 anos de traballo, Elena e Jesús botaron a reixa deste supermercado de Lousada, en Guntín, que eles mesmo levantaron. Toca xubilarse e pechar unha etapa de intenso traballo en que só descansaban os domingos pola tarde.

"Case 38 anos, toda unha vida, de luns a domingo, case os 365 días do ano", explica Jesús Vázquez.

Pero este non foi un peche calquera, os veciños da contorna xuntáronse para facerlles unha afectuosa despedida en que non faltou o brinde nin as mensaxes de agradecemento por toda unha vida alimentando os veciños.

"Cando vimos a pancarta entrounos unha emoción incrible. Eu xa levaba unha temporada nerviosa por claro pérdese ese contacto de cada día coa xente", relata Elena Amor.

Malia que viven na zona lamentan perder o contacto diario e constante cos veciños. Din que botarán de menos o negocio pero celebran ter máis tempo para desfrutar en familia.

"Nesta nova etapa hai plans de viaxar algo, que antes non podiamos facer. Estabamos aquí os 365 días do ano e se iamos a algún lado tiña que quedar aquí a filla".

"Gozar dos netos e da familia toda, que nunca puidemos ir xuntos a ningún sitio. Os fillos e os netos tiñan as súas vacacións e nós nunca puidemos ir unha fin de semana con eles".

Celebran tamén que hai quen colle a remuda do negocio que eles mesmos emprenderon e inician unha doce xubilación marcada polo cariño da xente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar