Os veciños de Neda crean unha plataforma de afectados polas inundacións
Denuncian a falta de empatía do Concello
Os grupos da oposición de Neda únense para reclamar axudas directas para os afectados das inundacións
"A día de hoxe temos que dicir que estamos sós, estamos sós e vendo que está outra vez chovendo e que temos medo todos os días a que en calquer momento nos volva pasar o que nos sucedeu", apunta Jorge López, veciño afectado polos asolagamentos
Son preto de oitenta os afectados nas inundacións de Neda. Pasaron tres semanas do rebordamento dos ríos Basteiro e Belelle e este muro de area é o único que protexe as vivendas. O pasado 14 de novembro a auga levolles case todo.
"O que fixeron foi cambios de colchón, cambios de somieres e ir mercando unha cociña, un familiar que che deixa unha neveira, outro que che deixa un conxelador...", continúa Jorge.
"O único que puidemos ter foi unha lavadora e un frigorífico que nos deixou a miña sogra e do resto nada", conta Luz María López, outra das veciñas afectadas.
A maioría dos afectados está vivindo co prestado. As axudas estatais van tardar e non todos tiñan seguro. Lamentan a falta de implicación por parte do Concello, por iso acaban de crear unha plataforma de afectados. Contan coa axuda unánime de todos os grupos da oposición.
"Lamentamos que despois do acontecido, despois de 20 días destes sucesos, aínda non se adoptaran medidas urxentes e que as familias se sintan desamparadas e que non atoparan auxilio sobre todo na institución máis próxima a eles que é o propio concello de Neda", informa Carlos Caaveiro, concelleiro de Moveneda.
Dende o Concello sinalan que están á disposición dos veciños a través dos servizos sociais, incluso para solicitar axudas económicas. Tamén que están traballando con Augas de Galicia para identificar a causa dos desebordamentos dos ríos.
"Hai dúas presas aí que nestes momentos non teñen unha función clara e que son as causantes destes desbordamentos que se deben eliminar de inmediato ou ben poñer aliviadoiros de forma urxente para que non se volva repetir", arugumenta Ángel Alvariño, alcalde de Neda.