Os veciños de Paramos piden xustiza contra o dono da pirotecnia ilegal no aniversario da explosión
Os veciños de Paramos piden xustiza contra o dono da pirotecnia ilegal no aniversario da explosión
O presidente da Xunta súmase á petición de xustiza dos veciños
Cinco anos despois da explosión, os veciños de Paramos agardan xustiza
Un minuto de silencio no lugar da explosión de hai cinco anos lembrou a parella morta no suceso, pais de dous nenos agora orfos. O representante da comunidade marroquí en Tui foi o encargado de facer a ofrenda floral no monólito que o recorda.
Na zona cero de Paramos-Guillarei dan por concluída a reconstrución, pero piden xustiza contra o dono da pirotecnia causante do suceso.
"Os veciños hoxe podemos dar por rematada a reconstrución da zona cero. É un momento de alegría para todos porque é un paso máis para pasar páxina. Pero os veciños, penso que falo en nome de todos, ata que non vexamos o culpable de todo isto pagar polo que fixo, creo que non poderemos durmir tranquilos", di Salvador García, voceiro da Asociación de Afectados de Paramos e Guillarei.
O presidente da Xunta seguira o suceso desde o primeiro día como vicepresidente. Súmase á petición dos afectados de xustiza a maiores da reconstrución material das súas casas.
"Todo o mundo quería eses dous veciños que morreron e despois quería que a vida fose como era antes da explosión, pero como iso non puido ser, eu, sinceramente, agardo que polo menos botásemos unha man para que a reparación se parecera o máis posible á vosa vida anterior. Efectivamente, ten que falar a xustiza e o único que podo desexar, e deséxoo con todo corazón vista a loita que houbo aquí cinco anos, é que, efectivamente, se faga xustiza", afirma Alfonso Rueda, presidente da Xunta.
A Fiscalía pide catorce anos de prisión para o titular da pirotecnia que explotou hai agora cinco anos.