Publicador de contidos
Publicador de contidos

Veciños de Ribela, na Estrada, seguen sen cobertura no móbil á espera dun repetidor

Veciños de Ribela, na Estrada, seguen sen cobertura no móbil á espera dun repetidor

A veciñanza denuncia abandono por parte das compañías de telefonía, tras anos reclamando unha solución

A falta de cobertura dificulta a vida diaria, os estudos, os negocios e mesmo os avisos en caso de emerxencia

G24.gal 12/09/2024 13:42

Manuel e Rosario conseguen por primeira vez falar polo móbil dende a eira da súa vivenda, en Ribela (A Estrada). O pai queda sorprendido cando escoita o ton: "Mira que casualidade, que nunca demos falado"

Conversa entre pai e filla, dende Ribela ao centro da Estrada, algo que hoxe en día debera ser habitual, pero que para eles é absolutamente excepcional, como confirma a filla con sorpresa:

"É a primeira vez que colle cobertura. Aí non funciona ningún móbil, de ningunha compañía, porque na casa somos cinco ou seis con móbil, cada un coa súa compañía, e non ten cobertura ningún", di.

Levan toda a vida lidando coas compañías teléfonicas, xa dende que o teléfono era fixo. Hai un ano prometéronlles un repetidor que nunca chegou.

"Dinche si, si pero nada", explica Manuel.

"Aquí non temos fibra nin temos nada. Aquí nunca chegaron coa fibra. Nunha casa de alá arriba si, pero aquí nunca chegaron con ela", matiza María Esther Constenla, propietaria dunha casa de turismo rural.

Para falar hai que ir probando sorte porque depende da zona e de como amenza o día.

"Imos ao garaxe e non hai cobertura. Nesa casa tampouco. Nesta si", sinala Manuel, outro veciño.

Co rural perdendo poboación, a falta de cobertura complica aínda máis as cousas... os estudos, os negocios e mesmo un aviso en caso de emerxencia.

"Tiven que chamar moitas veces ao médico polo meu marido e nese momento funcionou. Tiven sorte", conta María Esther.

"Nós tivemos unha empresa de construción, un taxi, e perdiamos moitos clientes. Agora hai unha sidrería e tres casas de turismo rural e non poden traballar", denuncia Manuel.

Na era do 5G e da intelixencia artificial, eles só aspiran a manter unha conversa sen cortes. Hoxe tocou que si!

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade