Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os veterinarios rexeitan a Lei de benestar animal aprobada polo Congreso

Os veterinarios rexeitan a Lei de benestar animal aprobada polo Congreso

O presidente do Consello Galego de Colexios Veterinarios cre que "non se pode pensar que os animais son persoas, teñen os seus dereitos, pero non son persoas"

G24.gal 10/02/2023 10:02 Última actualización 10/02/2023 10:21

O presidente do Consello Galego de Colexios Veterinarios arremete contra a Lei de benestar animal aprobada onte polo Congreso. Cre que está mal definida e non atende as peculiaridades de cada especie animal. Nunha entrevista no Galicia por diante, Luís Núñez indicou que "a idea era boa, pero a deriva da preparación da mesma non foi a correcta".

Ao seu xuízo, o texto debería ser preparado por profesionais "con criterios científicos", e confía en que sexa matizado durante a tramitación no Senado xa que, segundo indica, "non se pode pensar que os animais son persoas; teñen os seus dereitos, pero non son persoas"

Sacrificio cero

Un dos puntos que xera máis discrepancia é o chamado "sacrificio cero", que obrigará os propietarios de mascotas a non interromper en ningún caso o tratamento veterinario do seu animal. 

"Cando un propietario non queira ou non teña recursos para asumir o tratamento, que fai o veterinario? Quen asume os gastos do tratamento da mascota? Aquí non hai Seguridade Social". 

Cursos de formación

Outro dos aspectos que introduce a Lei de benestar animal é a esixencia ós propietarios de cans a que realicen un curso de formación independentemente da raza e das características físicas dos animais.

Luís Núñez lembra que en Galicia os gandeiros xa teñen que superar un curso de vinte horas se crían porcos, aves ou coellos, pero non entende que se esixa formación aos propietarios dos cans.

"Non vemos necesidade de impartirlles un curso ás persoas que teñan dous cans. Outra cousa é que coñezan os seus deberes como cidadáns para coidar a mascota".

Esterilización sistemática

Desde o Consello Galego de Colexios Veterinarios non comparten tampouco os requisitos introducidos para controlar as colonias de gatos silvestres nin a esixencia de esterilizar automaticamente as mascotas. Cren que acabará afectando "ao comportamento dos animais".

Luís Núñez ve "boa intención" na Lei de benestar animal, pero tamén cre que o desenvolvemento xerará "moitos problemas". Cre que "co pouco consenso que houbo no marco troncal, o desenvolvemento do regulamento será complicado".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade