Nas estacións galegas aplauden a chegada dos trens Avril
Nas estacións galegas aplauden a chegada dos trens Avril
Os primeiros convois chegarán como moi tarde o vindeiro 21 de maio
A venda de billetes da conexión con Madrid comeza o 18 de abril
Son os máis interesados na súa posta en funcionamento. Tras anos de atrasos, os trens Avril chegarán a Galicia como moi tarde o 21 de maio.
"Eu vivo en Valencia e xa levo tempo esperando a chegada dos trens Avril. Estou un pouco ao tanto das novidades, dos atrasos con Talgo. Entón si, sería algo moi positivo claro".
Dende o Ministerio de Transportes non descartan comezar incluso antes, pero prefiren ser cautos. De feito, aínda que ansiosos, os viaxeiros e viaxeiras desta liña son algo escépticos.
"Non o creo ata que non o vexa. Porque ademais os atrasos son constantes..., o raro é chegar en hora".
"A min paréceme marabilloso que fagan isto porque precisamente eu collo bastantes trens ao mes, sobre todo entre Vigo e Madrid, estou acostumada a viaxar máis por España onde si teñen estas facilidades e parece que aquí en Galicia non as temos".
Os billetes comezarán a comercializarse antes, é dicir, o 18 de abril xa estarán á venda. A conexión de Galicia con Madrid reducirá os tempos de viaxe. De tres horas e 22 minutos coa Coruña e de case tres horas con Santiago. A Pontevedra serán tres horas con vinte. Vigo, a de maior tempo, quedará en tres horas e 35 minutos.
"Eu creo que sempre estamos á cola de España, sobre todo, Vigo. A Coruña, Santiago ou Ourense téñeno todo moito máis rápido e nós quedamos de últimos".
Os trens Avril tamén duplicarán a oferta de prazas ata superar os once millóns. A súa posta en funcionamento chegará nun momento importante para a cidade de Vigo, xa que o seu aeroporto estará inoperativo do 6 ao 30 de maio polas obras previstas na pista de aterraxe.