Os viaxeiros de tren da Coruña reprograman as súas viaxes ante o peche da estación polas obras
Os viaxeiros de tren da Coruña reprograman as súas viaxes ante o peche da estación polas obras
Renfe habilitou 500 servizos de autobús, pero a alternativa non convence a todos porque aumenta a duración das viaxes
A normalidade restablécese este sábado, coa apertura da estación de tren provisional
É venres, comeza a fin de semana e aumenta o tráfico de viaxeiros nas estacións. Na Coruña, os usuarios tiveron que cambiar o tren polo bus.
"Non me gusta o bus, pero non queda outra", di unha viaxeira.
A cidade segue sen conexión por tren polas obras na estación, isto obrigou moitos usuarios a reprogramar as súas viaxes.
"Eu hoxe cando quixen reservar o billete xa non había por iso viaxo a esta hora", explica un viaxeiro.
Renfe habilitou 500 servizos de autobús para facilitar a mobilidade, pero a alternativa non convence a todos.
"Agora en vez de dúas horas lévanos tres, logo o trastorno de baixar do bus, coller a maleta para ir a enlazar co tren", comenta unha usuaria.
É a queixa que máis se repite, a duración da viaxe.
"Tárdase máis no bus, en tren é media hora", di unha muller. E un mozo cre que "se tarda un pouco máis, pero mentres sexan uns días non pasa nada".
A normalidade restablecerase mañá, cando abra a estación de tren provisional. Estará operativa mentres duren as obras da intermodal. Desde esta estación tamén partirán o día 15 os dous novos Avlo que Renfe pon en servizo para a conexión A Coruña-Madrid.