Os viaxeiros do AVE Galicia-Madrid terán que ir por estrada esta fin de semana da Gudiña a Ourense
Os viaxeiros do AVE Galicia-Madrid terán que ir por estrada esta fin de semana da Gudiña a Ourense
O Adif avanza nas obras da variante exterior da alta velocidade en Ourense
O Adif informa de que o tráfico ferroviario entre Taboadela e Ourense verase interrompido entre as 7:00 horas deste sábado, 16 de marzo, e as 23:59 horas do domingo, 17 de marzo, para avanzar nas obras da variante exterior de alta velocidade.
Esta actuación provocará desprazamentos por estrada entre A Gudiña e Ourense en case unha trintena de trens do AVE na liña que une Galicia con Madrid. Todas as viaxes afectadas poden consultarse na web de Renfe.
Segundo indica Adif Alta Velocidade nun comunicado, con estes traballos realizaranse actuacións para a súa conexión coa rede convencional e nas súas drenaxes.
En concreto, realizará o axuste e adaptación dos sistemas de electrificación no punto no que este trazado de alta velocidade conecta coa rede ferroviaria convencional.
Ademais, renovará a drenaxe transversal da liña convencional, co levantamento da vía para instalar o novo sistema e volver colocala. "Estas actuacións non son compatibles coa circulación eses días, o que obrigan á suspensión do tráfico entre Ourense e Taboadela", explica o Adif, polo que empresa ferroviaria despregou un plan alternativo de transporte para garantir a mobilidade dos cidadáns.
As obras dos 8 quilómetros da variante de alta velocidade contan cun investimento de 125,5 millóns de euros por parte do Adif.
No trazado entre Taboadela e o túnel de Rante (5,6 quilómetros) realízase a escavación do túnel que, con 3,4 quilómetros, representa o 61 % da lonxitude total deste subtramo. Así mesmo, aborda a construción do maior viaduto, o do río Mesón de Calvos (387 metros).
No tramo entre o túnel de Rante e a conexión Seixalbo (2,3 quilómetros) completouse a montaxe do taboleiro dun dos maiores viadutos da liña, o que sortea a estrada OU-525 e o río Barbaña (356 metros). Ademais, avánzase na canalización do río Seixalbo baixo a liña de alta velocidade e a convencional.