Os votantes das sete principais cidades terán menos listas entre as que elixir o 28-M
Os votantes das sete principais cidades terán menos listas entre as que elixir o 28-M
Xa son oficiais as candidaturas, con 15 menos ca nas anteriores eleccións municipais
A Coruña, con 11 listas, é a urbe galega en que os electores teñen máis onde elixir; e Vigo, con sete candidaturas, a pesar de ser a cidade máis poboada, é a que ten menos
As datas clave do 28-M: o calendario ata a xornada electoral
Xa son oficiais as candidaturas ás eleccións municipais do próximo día 28. Os boletíns oficiais das catro provincias publicaron este martes a súa proclamación definitiva.
Catro anos despois, e logo dunha pandemia polo medio, a convocatoria electoral do próximo 28 de maio enfrontará menos candidaturas entre si con respecto a 2019 nas sete principais cidades do país. Pasan de 76 proclamadas na anterior convocatoria ás 61 que concorrerán nesta.
A Coruña, a cidade con máis listas
A cidade en que haberá máis listas é a da Coruña, cun total de 11. Na cidade herculina as mareas, lonxe de concentrarse, propiciaron unha escisión que sitúa a Marea Atlántica (anteriormente aglutinadora de toda a esquerda de confluencias) enfronte da lista dun 'ex' deste espazo, a alianza de Podemos e Esquerda Unida que lidera José Manuel Sande.
Así, na Coruña concorrerán as listas de PSdeG, PPdeG, BNG, Marea Atlántica, Podemos-EU, Alternativa dos Veciños, Ciudadanos, Vox, Unidade Local, Escanos en Branco e Pacma. Finalmente non figura nesta carreira electoral a candidatura de Falange Española de la JONS, que non logrou ser proclamada.
Ourense, cinco candidaturas menos
Ourense é un dos casos singulares que confirman a redución de listas. Logo de alcanzar as 15 en 2019, o próximo 28 de maio haberá dez listas. Concéntrase o espazo das mareas e tamén se perden outras, entre elas, a de Espazo Común, o partido que lidera Pachi Vázquez e que presenta unha vintena de candidaturas por toda a xeografía galega encabezadas en boa parte por exsocialistas.
Así, na cidade das Burgas confirmáronse PPdeG, PSdeG, Democracia Ourensá (DO), BNG, Agora Ourense-Podemos-Esquerda Unida, Vox, Ciudadanos, Vivir Ourense, Coalición de Centro Democrático e Contigo Somos Democracia (Contigo).
Isto supón que, fronte a 2019, decaen: Ourense Mellor, Ourense en Común, Espazo Común, Compromiso por Galicia, Adiante, Por un mundo máis xusto (PUM+J) e Partido Liberal Español. Ourense Mellor intégrase na de Podemos e Esquerda Unida, que se presentaron como Unidas Podemos.
Vigo, a cidade con máis poboación e menos candidatos
En Vigo xa houbera unha redución de candidaturas hai catro anos, nunha conxuntura de ampliación da maioría absoluta de Abel Caballero, e nesta ocasión volven ser menos as listas ás que poderán votar os vigueses.
Das 17 de 2015, pasouse a 11 en 2019 e agora queda en sete. Preséntanse: PSdeG, PPdeG, Podemos-Marea de Vigo, BNG, Vox, Ciudadanos e Partido Comunista dos Traballadores de España/Partido Comunista dos Traballadores da Galiza (PCTG).
Con respecto á cita de 2019, desaparecen do panorama municipal da cidade olívica as listas de Cidadáns de Galicia, Pacma, Compromiso por Galicia e Escanos en Branco.
Santiago, máis candidatos de centro e dereita
En Santiago de Compostela a candidatura das confluencias non sufriu ningunha escisión nin incorporación. Con todo, neste caso foi a división no espazo do centro e a dereita o que fai crecer o número de listas de sete a oito para o 28-M.
Concretamente preséntanse: PSdeG, PPdeG, BNG, Compostela Aberta, Por e para Santiago, Vox (liderado por un expopular), Compromiso por Galicia e Partido Galego. Con respecto a 2019, a novidade é Partido Galego e Por e Para Santiago, mentres que desaparece Ciudadanos.
Ferrol, tres listas menos
En canto a Ferrol, pasa de 11 listas a oito: PSdeG, PPdeG, BNG, Ferrol en Común, Podemos-Alianza Verde, Vox, Coalición de Centro Democrático e Ligando.
Desta maneira, desaparecen do panorama municipal Xuntos Actúa (era unha escisión de Podemos e agora preséntase Podemos), Sentimento Ferrolán, Marea de Ferrol e Ciudadanos. Neste caso, sae do panorama unha marea local, a que estaba apoiada pola extinta En Marea.
Lugo, concéntrase o espazo rupturista
En Lugo en 2019 os electores tiñan para escoller entre 12 listas, e agora, logo da concentración e extinción das mareas, que na anterior convocatoria quedaron fóra da corporación local, as listas redúcense ata oito.
Os lucenses poderán escoller o próximo 28-M entre PSdeG, PPdeG, BNG, Podemos-EU, Ciudadanos, Vox, Unión de Cidadáns Independentes (Ucin) e Contamos Galicia Sempre-Partido Galego (unha coalición que une ao partido que fundou o escindido socialista Manuel Martínez con Partido Galego).
Con estes datos, deixan de concorrer Lugo Novo e Alternativa Cidadá de Esquerdas-EU (agora en pacto con Podemos), Foro Lugo, Converxencia 21 e Compromiso por Galicia.
Pontevedra, unha candidatura menos pero moitas novidades
Finalmente, en Pontevedra tamén se produce unha redución, neste caso, nunha. De dez listas redúcense a nove as que concorrerán o 28-M: BNG, PSdeG, PPdeG, Podemos, Pontevedra Alternativa, Vox, Ciudadanos, Espazo Común e Pacma.
Aínda que só varíase nun, xorden novidades. Así, desaparece Marea de Pontevedra, Cidadáns de Galicia, Compromiso por Galicia e TeGa, mentres que xorden Espazo Común (o partido de Pachi Vázquez, logo de fichar a unha ex-concelleira de Ciudadanos), Pontevedra Alternativa (unha marca creada hai máis de 11 anos por Ramón Pedras 'Petete', que lles cedeu os dereitos aos novos responsables) e Pacma.