Ourol perde poboación e dous concelleiros para as vindeiras eleccións
Ourol perde poboación e dous concelleiros para as vindeiras eleccións
Un falecemento e un traslado fan que o censo non chegue ao milleiro de habitantes
Entre outras consecuencias, supón unha perda de recursos procedentes do Estado
O falecemento dun veciño xusto o día en que se elaboraba o censo de poboación fai que Ourol quede por baixo do milleiro de habitantes. É un dos concellos máis afectados polo despoboamento, pero neste caso trae consecuencias.
Case na metade das casas de Ourol non vive ninguén, unha mostra do despoboamento que afecta a este concello. Hai medio século roldaba os cinco mil habitantes, pero hoxe non chega ao milleiro.
Ao non alcanzarse esa cifra, a corporación municipal redúcese en dous concelleiros. Ademais, terán menos fondos do Estado. Reverter a situación implica vontade porque, segundo subliña o alcalde, José Luis Pajón, faltan servizos básicos, polo que atraer poboación non é doado.
O Concello ten cedido o terreo para montar unha antena de telecomunicación, pero o certo é que está sen instalar. En Ourol chegaron a contar con tres médicos e un colexio, pero arestora só queda un facultativo e os escolares teñen que ir a Viveiro.