Oviedo bótase á rúa no desfile das Forzas Armadas que presiden os reis
Oviedo bótase á rúa no desfile das Forzas Armadas que presiden os reis
Milleiros de cidadáns acompañaron os tres exércitos e a Garda Civil no seu día, que se celebra desde o comezo da democracia
Milleiros de asturianos saíron as rúas este sábado, e tamén o fixeron o venres, para participar nos actos conmemorativos do día das Forzas Armadas, coa participación en Xixón e Oviedo duns 6.000 militares e presididos polo rei, canda a raíña Letizia nos actos da capital oventense.
Oviedo acolleu este sábado o acto central da celebración do Día das Forzas Armadas. Os reis Filipe VI e dona Letizia presidiron o desfile, acompañados pola ministra de Defensa.
Vestido co uniforme de capitán xeneral do Exército do Aire e do Espazo, o rei pasou revista ante os representantes dos exércitos, e xunto a raíña saudou as autoridades. Un paracaidista baixou cunha bandeira de 54 metros cadrados.
Tras o izado e a homenaxe aos caídos empezou o desfile central. Participaron un total de 3.250 soldados e 147 vehículos, a máis das tradicionais patrulla Águila ou mesmo a cabra Baraka da Lexión.
Á parada militar non asistiu a Princesa Leonor, xa que está de manobras dentro da súa formación na Academia Xeneral de Zaragoza.
Antes de comezar o acto e mentres se esperaba a chegada dos Reis, un grupo de persoas situado moi preto das bancadas das autoridades apupou á ministra de Defensa, Margarita Robles, e proferiron berros de «fóra, fóra».
Robles, que é precisamente o membro do Goberno mellor valorado polos cidadáns nas enquisas do CIS, respondeu aos apupos cun saúdo coa man a outras persoas asomadas nos balcóns das súas vivendas para presenciar o desfile.