Pamplona condena o crime machista da fin de semana con unidade institucional
Pamplona condena o crime machista da fin de semana con unidade institucional
Na concentración deste domingo reflectiuse a solidariedade da clase política ante a violencia contra as mulleres
Na comunidade chinesa din que "nunca pasara nada igual"
Unanimidade na condena ao crime machista que se producía esta fin de semana no seo da comunidade chinesa en Pamplona. A cidadanía saíu á rúa e na praza do Concello había representantes do Goberno navarro, da corporación municipal, dos grupos do Parlamento autonómico e da Delegación do Goberno.
"Todas estas mensaxes de unidade institucional son importantes e achegan fortaleza e entendo que é tamén unha mensaxe de estamos coas mulleres", declaraba María Chivite, presidenta en funcións de Navarra.
A muller asasinada, de 47 anos, que levaba case dúas décadas vivindo en Pamplona, e os seus catro fillos estiveron na memoria de todos.
"Persoarémonos como concello de Pamplona como acusación particular nun lamentable crime", anunciaba a alcaldesa de Pamplona, Cristina Ibarrola.
Na comunidade chinesa de Navarra hai moita consternación e din que non existen precedentes de casos coma este.
"Eu vivo aquí desde hai moitos anos, desde o ano 96 en Pamplona, e nunca xamais na comunidade chinesa pasaron esas cousas como o do outro día. Sentinme como moi triste, case non o creo ata o de agora", sinalaba ante os medios Aimei Huang, que é presidenta da Asociación de Chineses en Navarra.
Este luns pasará a disposición xudicial o autor do crime, de 51 anos, que era parella sentimental e tamén socio da vítima na xestión dun bar desde hai un mes.