Publicador de contidos
Publicador de contidos

Paula Prado insta a Sánchez a pedir perdón ás mulleres pola lei do 'só si é si'

Paula Prado insta a Sánchez a pedir perdón ás mulleres pola lei do 'só si é si'

A secretaria xeral do PPdeG cualifica a Lei de garantía integral da liberdade sexual como a "máis retrógrada da historia do feminismo"  

"Nós precisamos maiorías absolutas, non vale só con gañar as eleccións", dixo Paula Prado respecto aos comicios municipais

G24.gal 17/02/2023 09:29

Paula Prado, secretaria xeral do PPdeG, que é tamén a directora de campaña do PPdeG para as eleccións municipais do vindeiro 28 de maio, analizou os vindeiros comicios nunha entrevista no programa Bos días da TVG.

Explicou que comezaron moi cedo a facer os equipos e a propoñer os candidatos para poder presentar a súa proposta electoral canto antes, que xa está case pechada en todos os concellos de Galicia. 

"Nós non renunciamos a ningunha alcaldía porque estes días a primeira enquisa di que somos o único partido capaz de subir nas eleccións, e penso que é unha tendencia imparable. A xente confía no PP, somos un partido serio e responsable, e nós precisamos maiorías absolutas, non vale só con gañar as eleccións".

As eleccións municipais son o primeiro exame para os partidos políticos de cara ás eleccións xerais que terán lugar cara a finais deste ano. Prado pensa que a xente debería votar responsablemente.

"Eu creo que a xente nas eleccións municipais ten que saber que votar a PSOE é darlle osíxeno a Pedro Sánchez, e penso que a xente está moi cansa do Goberno, de todas as liortas internas, de non preocuparse da situación económica do país, e penso que van votar responsablemente e, polo tanto, que non votarán a Pedro Sánchez", dixo Paula Prado, directora de campaña do PPdeG.

Enquisas sobre as municipais

Sobre os posibles resultados dos partidos competidores, puntualizou que o PSdeG ten demasiadas leas internos en moitos concellos, e sobre o BNG dixo que a xente non quere "nacionalismos radicais".

"O PSOE vemos como cada día sae unha crise nun Goberno municipal. Vímolo en Santiago cando dimitiu o concelleiro de obras e logo de Medio Rural por un caso de corrupción, que aínda está en proceso. Na Coruña e en Ferrol tamén houbo dimisións e vemos que en todas as cidades ten crises internas e están máis preocupados por iso que por resolver os problemas dos cidadáns. E respecto ao BNG, a xente sabe quen é o partido e a xente non quere nacionalismos radicais", explicou Paula Prado.

Manifestación en prol da mellora da sanidade

O PPdeG defende un maior incremento de orzamento para sanidade este ano, e respecto á manifestación en prol da sanidade pública do pasado domingo, Paula Prado criticou a súa politización. 

"Nós respectamos a xente que vai manifestarse para pedir melloras na sanidade pública pero non estamos de acordo coa politización que se fixo. Alí víronse pancartas e fotos de Rueda e de Feijóo con lemas como "Eles matáronme", cando eles poñen todos os mecanismos para mellorar a sanidade. Nos últimos 14 anos incrementouse o número de profesionais e o orzamento, só que estamos nun contexto a nivel nacional de que non hai médicos. A única solución é que o Goberno de España e Pedro Sánchez facilite a formación dos MIR porque se non dificilmente podemos cubrir unha baixa ou as vacacións", argumentou Paula Prado.

Polémica da lei do 'só si é si'

Respecto á polémica lei do 'só si é si', a secretaria xeral do PPdeG asegurou que a coalición foi soberbia ante os informes que alertaban dos efectos desta nova normativa cando entrou no Congreso.

"Nun primeiro momento entra no Congreso cunha serie de informes en que salientan que poden rebaixarse as penas. A coalición coa súa soberbia segue adiante coa súa tramitación. O segundo momento é cando se pon en práctica e comezan a rebaixar penas a violadores que saen á rúa e pedimos que rectifiquen, o PP presentou unha proposición de lei para modificala pero non foi apoiada. O único que fixeron PSOE e Podemos foi buscar culpables como que eran os xuíces os 'fachas'. E agora temos xa 500 agresores na rúa e con menores penas que antes, e non sofre polas vítimas e só asumen os erros cando perden rédito político", valorou Paula Prado. 

Paula Prado asegura que o seu partido está tendéndolle a man ao Goberno para rectificar a lei do 'só si é si', e cualificou o PSOE e o BNG, que apoian a lei, os "cascallos do feminismo" pola defensa desa norma.

"Tendémoslle a man ao PSOE porque queremos formar parte da solución desta sangría que vemos na rúa. E agora xa non nos serve a rectificación, pedímoslle a Pedro Sánchez que lles pida perdón ás vítimas, que lle pida perdón ás mulleres porque é a lei que provoca con máis retroceso na defensa dos dereitos das mulleres na historia do feminismo. O PSOE e o BNG, que tamén apoiou a reforma, son os cascallos do feminismo porque non poden dicir que son feministas defendendo esta lei", explicou a secretaria xeral do Partido Popular de Galicia.

A suba da inflación 

Sobre a alza dos prezos que se cifra nun 5,9 % no mes de xaneiro, no primeiro mes que xa se aplica a rebaixa do IVE. Paula Prado critica o Goberno pola falta de solucións e propón desde o seu partido un paquete de medidas para frear esta suba da cesta da compra.

"Sorprendentemente Nadia Calviño falaba de que xa notaba que baixara algo a cesta da compra, e non sei onde vai mercar. Non están adoptando as medidas necesarias e botándolles culpa a outros, como os distribuidores ou aos empresarios do sector de alimentación. O PP propuxo un paquete de medidas como rebaixar o IVE, que, por certo, o Goberno de España copiounos, pero pensamos que hai que baixar o IVE da carne, do peixe e das conservas. O problema segue na cesta da compra e o seguimos sufrindo os cidadáns e para iso non nos elixiron os gobernantes" argumentou Paula Prado.

Sentenza sobre a prórroga de Ence

O PPdeG aplaude a sentenza sobre a prórroga de Ence na ría de Pontevedra porque entende que a factoría é un motor económico e unha das industrias máis importantes de Galicia, defendendo que se pode conciliar o respecto ao medio co seu traballo.

"Se pode ter industria no territorio e defender o medio ambiente e nós sempre fomos un defensor do medio ambiente e tamén da industrialización. O BNG érguese un día e di non aos eólicos, outro día non a Ence e logo pregunta que está facendo o PPdeG pola industria do país? A industria hai que instalala nalgún lugar e o BNG ten que abandonar ese ecoloxismo radical porque se por eles fose, estariamos sen industria. E iso provoca perda dos postos de traballo e desmantelamento das industrias fundamentais como Ence, da que dependían moitas familias. Pedimos responsabilidade aos partidos para que a industria se poida instalar no noso país", explicou Paula Prado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade