Publicador de contidos
Publicador de contidos

Paula Prado: "O que me gustaría é que en cada comunidade se chegue a acordos que garantan a estabilidade"

Paula Prado: "O que me gustaría é que en cada comunidade se chegue a acordos que garantan a estabilidade"

A secretaria xeral do PPdeG defende a autonomía e a relidade de cada territorio á hora de subscribir pactos de goberno con Vox

Prado evita desvelar quen será o candidato do PPdeG á Deputación de Ourense

G24.gal 23/06/2023 10:06

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, defende a autonomía dos candidatos do Partido Popular á hora de pactar investiduras e gobernos. Valoracións de Prado, nunha entrevista no Galicia por diante, da Radio Galega, no medio das negociacións abertas en varias comunidades entre populares e Vox.

Con todo, entende que a estabilidade debe ser a prioridade á hora de pechar os pactos. 

"Cada territorio ten que valorar as súas necesidades e os resultados electorais porque non son os mesmos nun territorio que noutro. Despois depende do proxecto que cada un teña para ese territorio, as renuncias que se lle esixan ao pacto... inflúen moitas combinacións. En calquera caso, o importante é pensar na estabilidade dos gobernos e pensar no que necesita cada territorio", apuntaba. 

Ao preguntarlle sobre as eleccións xerais, Prado apunta que as perspectivas para a súa formación son boas tralos resultados dos comicios do 28 de maio nos que "o PPdeG tivo un grande apoio da cidadanía". 

Considera que o Executivo de Pedro Sánchez só tivo "desprezo e agravios constantes con Galicia", así lembrou que o Goberno atrasou durante un ano a reconstrución do viaduto da A-6, rexeitou o traspaso da titularidade da AP-9 e ten "embalsamados" os fondos europeos. 

"Eu creo que a cidadanía valorará que ese goberno a Galicia non lle convén. Temos unha alternativa que, por sorte, os galegos coñecen moi ben que é Alberto Núñez Feijóo que xa lle ten dado moito a Galicia, Galicia tamén a el, e estou convencida de que lle devolverá, xa o dixo, todo o que poida a Galicia. Por tanto a nosa expectativa é boa", sostén. 

Prado di estar convencida de que se Feijoo chega á Moncloa será "máis doada" a transferencia da titularidade da Autoestrada AP9 a Galicia porque " Feijoo coñece ben as nosas necesidades". 

A secretario xeral do PPdeG, Paula Prado, evita concretar se os populares teñen candidato ou candidata para presidir a Deputación de Ourense pero dá a entender que non será Manuel Cabezas, candidato dos populares á alcaldía da cidade das Burgas.

Apuntou que "Cabezas dixo que deixaría a política se non era alcalde da cidade de Ourense. Eu creo que o que hai que facer é autocrítica, ver porque non se sacou o mellor resultado e a partir de aí, reconstruír". 

Pronunciábase Prado sobre o pacto dos populares co líder de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, e o acordo para investilo alcalde a cambio do seu apoio para elixir a un candidato do PP coma presidente da Deputación de Ourense. Asegura que "se chegou a un acordo para que goberne a lista máis votada na cidade e a máis votada na Deputación". 

Prado responsabiliza a PSdeG e BNG de que Jácome sexa alcalde de Ourense porque, apunta, tiveron unha "actitude sectaria". Lembrou as distintas ofertas que os populares presentaron a PSdeG e BNG na cidade das Burgas e que non tiveron, destaca, resposta.

"Lamentablemente o PSdeG e o BNG preferían o pacto do aparcadoiro, o pacto no descampado. Eles estaban pactando con Jácome para apartar de todo ao PP. O seu sectarismo podíalles máis que sentar a falar cos nós", afirmou. 

A secretaria xeral dos populares confía nun entendemento con Jácome durante o seu mandato e di que "nós o que intentamos é darlle estabilidade ás cidades. O importante é atender os problemas da xente, resolver as súas inquedanzas e necesidades e, nesa liña, intentaremos que haxa certa estabilidade". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade