Publicador de contidos
Publicador de contidos

Paula Prado: "Se quedamos ás portas da maioría absoluta, gobernará un bipartito, un tripartito ou calquera cousa"

Paula Prado: "Se quedamos ás portas da maioría absoluta, gobernará un bipartito, un tripartito ou calquera cousa"

A secretaria xeral do PPdeG confía en mellorar resultados nas eleccións municipais do 28 de maio e non renuncian a gobernar nas sete cidades 

Paula Prado reivindica a solvencia e a estabilidade do proxecto popular fronte, di, aos "pactos de perdedores" entre PSdeG e BNG 

G24.gal 12/04/2023 10:27

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, cre que o partido está en condicións de mellorar, nestas eleccións municipais do 28 de maio, os resultados dos anteriores comicios e reivindica que se presenta cun proxecto de "solvencia, rigor e responsabilidade".  

A directora de campaña dos populares apunta que "nós traballamos con esa tendencia á alza que apuntan as enquisas" e cre que "seremos a forza máis votada". 

Nunha entrevista no Galicia por diante, advirte Prado das dificultades de gobernar se o PPdeG non acada maiorías absolutas e di que ese será o reto nos próximos comicios. 

"Acadar a maioría absoluta non é fácil, pero nós pedímoslles aos cidadáns que pensen no día seguinte ás eleccións. Se por uns votos quedamos ás portas da maioría absoluta, gobernará un bipartito, un tripartito ou calquera cousa", destaca a popular. 

Contrapón Prado o proxecto dos populares cun "PSdeG e cun BNG que están a gobernar nalgúns concellos cun pacto de perdedores e con liortas internas. No PSdeG vemos como nas sete cidades teñen unha morea de leas internas, de conflitos, de dimisións e de renuncias de concelleiros e de concelleiras".

Asegura que o PPdeG "se presenta sen ningunha hipoteca, presentámonos non para facer pactos de perdedores. O único para o que nos presentamos é para ofrecer aos cidadáns solucións aos seus problemas, que é para iso para o que realmente nos votan. Cremos que podemos ofrecer gobernos estables nas cidades e nas vilas galegas", apunta.

Aspira Prado a unha maioría absoluta na cidade de Ourense, que "leva catro anos nun desgoberno e cun alcalde populista que está malgastando os cartos dos ourensáns". 

Descarta a secretaria xeral do PPdeG un adianto electoral en Galicia e cre que ese debate lle interesa á oposición, que está "ansiosa e centrada nos cálculos electorais". Pon en valor o ano de liderado de Alfonso Rueda á fronte do PPdeG e do goberno da Xunta de Galicia. Apunta que se fixo "unha transición modélica" e demostrouse que "o PP está en condicións de seguir sendo o partido que máis se parece a Galicia". 

Cre que ese traballo de Rueda durante este último ano "vaise ver recompensado o 28 de maio", e di que "será a primeira oportunidade de lle dicir a Pedro Sánchez e ao seu partido que non nos gustan esas políticas. A xente está farta das políticas do sanchismo, incluso socialistas históricos están a marchar. A xente non quere votar o que supón o PSOE: o Tito Berni, as corruptelas, a lei do 'só si é si'. Ao final a xente nas urnas vai dicir non a iso e si ao proxecto do PP".

"Será o primeiro paso para botar a Sánchez da Moncloa cando en decembro teñamos as eleccións xerais e poidamos votar a Feijóo como presidente do Goberno. Despois virán as autonómicas, que serán as da quinta maioría absoluta do PP con Alfonso Rueda", dixo.

Sobre a designación de José Ramón Gómez Besteiro como delegado do Goberno en Galicia e a súa volta á política, Prado pídelle que "sexa un defensor de Galicia". 

"O delegado do Goberno debería ser un aliado de Galicia e non converterse no delegado de Pedro Sánchez en Galicia para facer dano á nosa comunidade. Vimos como o fixo Miñones durante o seu mandato", sostén. 

Prado ponlle deberes ao novo ministro de Sanidade e di que "sabe a necesidade que temos de médicos". "A solución a ese problema depende única e en exclusiva de Pedro Sánchez, que ten a cura na súa man. Debe darnos facilidades para formar máis médicos de familia e así ter máis facultativos dispoñibles para atender a cidadanía", asegura. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade