Pecha unha panadería en Nigrán porque non encontra persoal cualificado
Pecha unha panadería en Nigrán porque non encontra persoal cualificado
Saca un milleiro de unidades de pan diarias, empanadas e doces con sete empregados e fanlle falla outros sete
Hai oficios en que a falta de man de obra obriga a tomar decisións drásticas. É o caso dunha panadería de Nigrán que pecha mañá, definitivamente.
Coa última cocción, contra as once da mañá, os fornos da Flor de Nigrán apagaranse, poñendo fin a un negocio que abriu as portas hai 35 anos.
A súa propietaria, Andrea Sanromán, tomou a remuda dos seus pais hai máis de 20. Leva tempo dándolle voltas a unha decisión que explica: "Sobre todo por falta de persoal e con ganas. Os profesionais pódense formar pero non hai actitude. Máis que nada polo sacrificado que son os horarios neste este negocio. Fins de semana, verán, traballas de noite".
De aquí saen un milleiro de unidades de pan diarias, empanadas e doces. Moito traballo, di, para sete empregados, a metade dos que tivo.
Xa en maio renunciou á repartición diaria pero Andrea conta que "nada, era igual. Eu traballo seguía tendo, entrando á mesma hora, saíndo á mesma hora, coas mesmas responsablidades. Chegou un momento en que me agoniei e dixen non. Necesito parar".
A decisión conta co apoio da familia "e logo os traballadores. Tamén me preocupaba. Como o ían tomar. É xente que leva comigo 18 anos. E non o tomaron mal. Moi ben, a verdade", engade Andrea.
Agora quere descansar e pensar no futuro. Pero antes agradecerá aos clientes que mantiveran vivo o negocio máis de tres décadas cunha festa.