Pechadas ao marisqueo por toxina a zona I da ría de Muros-Noia e a Ares II
Pechadas ao marisqueo por toxina a zona I da ría de Muros-Noia e a Ares II
Na ría de Muros-Noia hai agora dous polígonos pechados, a zona II xa fora clausurada o pasado 12 de xullo
Na ría de Pontevedra permanecen pechadas desde o mes de xullo as zonas I e IV, así como a subzona II.1 da ría de Vigo
Están pechados o 60 % dos polígonos de mexillón de Galicia
Nas rías coruñesas hai dúas zonas pechadas ao marisqueo pola presenza de toxina. Na ría de Muros-Noia está pechada a zona I e na ría de Ares-Betanzos o polígono Ares II. Foron pechadas ao marisqueo nas últimas horas pola presenza de toxina lipofílica, coñecida como a toxina diarreica, segundo a resolución do Instituto Tecnolóxico para ou Control do Medio Mariño (Intecmar).
Segundo a información do Intecmar, no caso de Muros-Noia prohíbese a extracción de todos os moluscos infaunais salvo a navalla e o longueirón. Súmase á zona II nesta ría, que xa fora clausurada o pasado 12 de xullo.
Igualmente, permanecen pechadas desde o mes de xullo as zonas I e IV da ría de Pontevedra, así como a subzona II.1 da ría de Vigo.
Na ría de Vigo tamén unha área non está operativa desde 2015 (zona IV.2).
No tocante ás bateas, atópanse pechados por encima do 60 % dos máis de medio centenar de polígonos de mexillón existentes en Galicia.
Polígonos reabertos nas últimas horas
O Intecmar decidiu nas últimas horas reabrir á extracción de mexillón no polígono Ribeira B e Cambados D, na ría de Arousa, á vez que a prohibía en Grove C3, na mesma ría. Tamén pechou o polígono Sada 2, na ría de Ares-Betanzos.