Peche temporal dos pubs de Chantada por exceso de ruído
Peche temporal dos pubs de Chantada por exceso de ruído
Deberán acometer reformas de insonorización
Os veciños da zona levan anos denunciando a situación e teñen en curso un proceso xudicial
A rúa Castelao e a praza de García Arias son o centro da polémica no concello lugués de Chantada. Concéntranse aquí a maioría dos locais de ocio nocturno, e os veciños relatan que a situación é insufrible.
"Moitos veciños xa marchan nas fins de semana porque non poden durmir".
Foron poñendo denuncias todas as fins de semana, e é que o ruído mesmo deixou secuelas entre varios afectados.
"Eu estou a tratamento por insomnio dende o ano 2014 e hai nenos pequenos a tratamento polos despertares nocturnos".
Agora o Concello acaba de notificarlles o cesamento temporal da actividade a todos os pubs da vila por superar o máximo de ruído permitido, ata que acometan as reformas necesarias.
"Ata que non o vexa non o creo, porque para insonorizar estes locais fai falta moito diñeiro".
"A xuventude ten que divertirse e hai que dinamizar a economía pero non a costa da saúde da xente".
Máis alá da actual notificación de peche temporal dos locais, os veciños sinalan que a instrución xudicial que se leva a cabo despois de anos sen atender as súas denuncias segue adiante co fin de depurar responsabilidades.