Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sánchez presentarase á reelección como líder do PSOE no congreso de novembro

Sánchez presentarase á reelección como líder do PSOE no congreso de novembro

O partido celebrará o seu Congreso Federal en Sevilla do 29 de novembro ao 1 de decembro, un ano antes do previsto

A convocatoria será ratificada este sábado polo Comité Federal a proposta do presidente do Goberno

 

O líder socialista e presidente do Goberno, Pedro Sánchez, este luns durante a reunión da Comisión Executiva Federal do PSOE (EFE/ J.J. Guillén)
G24.gal 02/09/2024 13:24 Última actualización 02/09/2024 20:46

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, presentarase á reelección como secretario xeral do PSOE no próximo Congreso Federal do partido que terá do 29 novembro ao 1 de decembro en Sevilla. Será cun ano de adianto sobre a data prevista, xa que habitualmente ten lugar cada catro anos e o anterior foi en outubro de 2021 en Valencia.

Con todo, será un Congreso Federal ordinario, xa que os estatutos do PSOE permiten convocalo con esta categoría entre o terceiro e cuarto ano desde a celebración do congreso ordinario anterior.

Segundo anunciou este luns a portavoz do PSOE, Esther Peña, Sánchez comunicoulles a decisión durante a reunión da Executiva Federal. "Toda a Executiva mostrámoslle o noso apoio e fixémoslle saber a necesidade de que siga á fronte do partido ante este novo ciclo, para seguir consolidando os enormes avances do noso país", afirmou Peña en conferencia de prensa.

Peña explicou que o Comité Federal deste sábado terá que ratificar a convocatoria do Congreso e "poñer en marcha os marcos" de traballo do encontro, no que participarán entre 500 e 2.000 delegados de toda España.

"No PSOE debátese; se o PSOE debate, España debate. Esperamos unha ampla participación das máis de 4.000 agrupacións socialistas que hai ao longo e ancho de España, nos que os nosos 170.000 militantes poderán achegar a súa visión", remarcou.

O acordo con ERC en Cataluña levantou críticas internas, cos baróns enfrontados á dirección nacional. Dende Galicia, ven o debate como unha oportunidade. José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG,  reclama que se respecte o "marco constitucional" e un financiamento singular para Galicia, como levan pedindo "moitos anos" os socialistas galegos.

Pola súa parte, o lehendakari Imanol Pradales, pide que non lle salpique o debate aberto e "que se respecte o modelo vasco".

Mentres, o PP chama á mobilización fronte ao que considera "un desafío histórico". Alberto Núñez Feijóo abordou o asunto co seu comité de dirección. Vai reunirse o venres cos presidentes autonómicos do PP e asegura que tombará unha eventual cota catalá se chega ao Goberno. "Plantexaremos un novo sistema de financiamento onde non caiba a cota separatista nin o independentismo fiscal en ningún lugar do noso país", asegurou o líder dos populares nunha entrevista en Onda Cero.

O curso político arranca de novo e tampouco se descartan cambios no Goberno. "Cambios no Goberno teñen que sucederse pero, evidentemente, será o propio presidente o que os anuncie cando considere oportuno", aseguraba a voceira do PSOE Esther Peña en conferencia de prensa.

Din os socialistas que tamén van presentar uns novos presupostos xerais no Congreso, aínda que algúns socios, como Podemos, xa dubidan.  "Dubidamos moito de que poidan presentarse incluso un presupostos xerais nesta lexislatura xa que o Goberno está sumido nunha parálise absoluta", dixo en conferencia de prensa o voceiro dos morados Pablo Fernández.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade