Publicador de contidos

Publicador de contidos

Confirman 12 anos e medio de prisión para a condutora do dobre atropelo mortal de Palmeira

Confirman 12 anos e medio de prisión para a condutora do dobre atropelo mortal de Palmeira

O Tribunal Supremo ratificou a condena para Pilar Fernández, por dous delitos de homicidio doloso

O accidente foi en maio de 2019 en Palmeira e nel morreran no acto Sara e Abraham, de 28 e 29 anos

O sinistro produciuse o 4 de maio de 2019 en Palmeira
G24.gal 26/03/2025 15:11

O Tribunal Supremo desestimou o recurso da acusada, e ratificou a condena de 12 anos e medio de prisión por causar o accidente que segou a vida de dous mozos en Ribeira en 2019.  O sinistro producíase na tarde do catro de maio, na estrada entre Ribeira e A Pobra, á altura de Palmeira.

O vehículo que conducía Pilar Fernández invadiu o carril contrario nunha curva e bateu frontalmente contra o coche de Sara e Abraham. Tiñan 28 e 29 anos, e faleceron no acto. A acusada deu positivo en alcol e en fármacos. Conducía a 130 quilómetros por hora nunha zona limitada a 70. Os tribunais consideraron probado que, antes do fatal accidente, xa ía poñendo en risco a vida doutras persoas.

"Neste caso o Tribunal considera que non só hai o feito delitivo da morte dos dous rapaces, senón tamén o feito de que xa puxera en risco outras vidas", explica o avogado da acusación, Ramón Siaba. "Iso dá a entender ao Tribunal que esa persoa era consciente de que podía producirse o resultado que se produciu", engade.

E por iso di que é "unha sentenza pioneira", que considera que foi un homicidio doloso e non unha imprudencia temeraria. Explica o avogado que a diferenza "é importante en canto ás penas": polo delito de imprudencia serían ata 4 anos de prisión, e por homicidio doloso ata 15. 

O Tribunal Supremo ratificou a sentenza da Audiencia e do Tribunal Superior e, xa en firme, condena a 12 anos e medio de prisión á acusada. As familias dos falecidos, di o avogado, están satisfeitas. 

"Non queren vinganza, o que queren é xustiza. Consideran que con esta sentenza se fai xustiza, e nese aspecto están reconfortados", afirma Siaba.

O ditame inclúe a privación do permiso de conducir para Pilar Fernández durante oito anos. A acusación vai solicitar medidas cautelares "para evitar que a condenada evada a xustiza", ata que se execute a sentenza e se decrete o seu ingreso en prisión. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade