Pensionistas vascos reclaman xa unha pensión mínima de 1.080 euros
Pensionistas vascos reclaman xa unha pensión mínima de 1.080 euros
Centos de persoas maniféstanse en Bilbao para rexeitar a reforma das pensións aprobada esta semana polo Goberno
Esta marcha foi o acto de peche dunha semana de reivindicacións, cun encerro e xaxún por quendas
Centos de pensionistas vascos manifestáronse este sábado en Bilbao para rexeitar a reforma das pensións aprobada esta semana polo Goberno. Reclaman xa unha pensión mínima de 1.080 euros, sen esperar ao ano 2027, como propón o executivo central.
Abría a marcha unha pancarta unitaria coas reivindicacións principais do movemento vasco de pensionistas.
"Para nós non só son importantes as pensións de hoxe en día, senón que tamén son tan ou máis importantes as pensións do futuro e entendemos xustificable que sindicatos e organismos sociais se sumen a esta mobilización", di Jon Fano, portavoz do Movemento de Pensionistas de Euskadi.
O Movemento de Pensionistas de Euskadi leva máis de cinco anos reivindicando unha pensión mínima de 1.080 euros en 14 pagas. Considérano un ingreso básico para ter unha vida digna na vellez e unha medida efectiva para reducir a fenda de xénero nas pensións.
"Hai no País Vasco 200.000 pensionistas que cobran menos de mil euros e 72.000 pensionistas que cobran menos de 700 euros; de dez pensionistas, oito son mulleres".
"Levamos cinco anos de loita na rúa, todos os luns e con outras mobilizacións e trátase de que sexa o 1.080 pero xa".
"Deberiamos estar aquí toda a cidadanía, todos imos querer percibir unha pensión algún día".
Esta manifestación multitudinaria, en que participaron pensionistas de todo o territorio vasco, foi o acto de peche dunha semana de reivindicacións, cun encerro e xaxún por quendas que levaron a cabo membros do Movemento de Pensionistas de Euskadi.