Persiste a turbidez no Tambre; os técnicos analizan a calidade da auga e se afectou a fauna
Persiste a turbidez no Tambre; os técnicos analizan a calidade da auga e se afectou a fauna
Na parte alta do río a auga comeza a verse máis clara ao irse depositando os restos no fondo
A vertedura produciuse o luns ao noite pola rotura dunha balsa dunha explotación de áridos, situada en Frades, propiedade da empresa Erimsa
Mantense a alerta en doce concellos da comarca de Santiago pola vertedura de áridos dunha canteira de Frades que afectou o río Tambre. O 112 pide aos concellos que captan auga deste río que activen os mecanismos de protección.
Como consecuencia desa vertedura, técnicos de Augas de Galicia detectaron restos de turbidez no río e avisaron os municipios que atravesa este río. Un deses concellos, o de Oroso, xa se pronunciou e comunicou á cidadanía que poden consumir a auga porque a subministración actual corresponde á que había almacenada.
A vertedura produciuse o luns á noite pola rotura dunha balsa nunha explotación de áridos propiedade da empresa mineira Erimsa.
Foi o Sindicato Labrego Galego (SLG) quen advertiu a Xunta do ocorrido e mesmo denunciou os feitos por se puidesen ser constitutivos dun delito contra o medio ambiente. Xa en 2017 o SLG demandara a esta mesma empresa por operar sen os permisos necesarios.
Agora mesmo desde Augas de Galicia continúan analizando a calidade da auga mentres persista a turbidez, que nestes momentos xa non é practicamente apreciable na parte superior do río, onde se produciu a vertedura. E é que ao tratarse de áridos, aos poucos vanse depositando no leito do río.
Técnicos de Medio Ambiente están ademais na zona para comprobar se este suceso provocou mortaldade entre as especies que viven no Tambre.