Piden a retirada dun poste de telefonía a piques de derrubarse en Valga
Piden a retirada dun poste de telefonía a piques de derrubarse en Valga
A infraestrutura, xa sen case formigón, só se sostén polas varas interiores
O Concello de Valga solicita á operadora a súa substitución nun prazo de cinco días
Un poste de telefonía que ameaza con caer debido ao mal estado en que se atopa. Con este temor miran cada día desde hai tres anos os veciños do lugar da Devesa, en Valga.
Sen formigón e só sostido polas varas de ferro interiores que tamén están dobradas. Así se atopa o poste de telefonía. Unha infraestrutura inestable que a veciñanza mira de esguello co temor de que algún día ocorra unha desgraza, e máis en días con moito vento como os de hoxe.
"Que busquen unha solución, quen sexa, pero o que non pode é estar así. Un día de vento coma hoxe os cables tiran cara a nosa vivenda e pode caer", explica Manuel, veciño da Devesa. "Se cae, quen se fai responsable dos danos? Ou que mate unha persoa porque por aquí pasa xente e pasan coches", engade preocupado.
O Concello de Valga, ante os perigos que poida ocasionar, instou a operadora de telefonía a que execute os traballos de substitución nun prazo de 5 días, pois o poste leva case tres anos nese estado, despois de que un coche batera nel.
Xa foron varias as queixas enviadas á operadora e en caso de que o poste non sexa retirado por outro, será o propio Concello quen o faga, pero á empresa pasaríanlle tanto a factura dos traballos como as posibles sancións.