Publicador de contidos
Publicador de contidos

Planas: "En 41 das 87 zonas non será efectivo o veto comunitario á pesca de fondo"

Planas: "En 41 das 87 zonas non será efectivo o veto comunitario á pesca de fondo"

Segundo Planas: "Isto supón que a Comisión recoñece que a aplicación do regulamento non se aplica nesas zonas e afecta 41 deses 87 polígonos e a maior parte da nosa frota de arrastre"

Sobre a escalada no prezo dos alimentos, Planas amosou a súa postura optimista e cre que a inflación se vai estabilizar á baixa nos próximos meses

G24.gal 06/10/2022 08:41 Última actualización 06/10/2022 10:27

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación Luis Planas acaba de anunciar que "en 41 das 87 zonas non será efectivo o veto comunitario á pesca de fondo". Así o confirmou nunha entrevista no informativo Bos días da Televisión de Galicia. 

"Temos dúas vías de actuación, unha xudicial, recorrendo contra este regulamento de anulación e buscando a súa nulidade, e unha segunda parte que é un contacto directo de negociación e clarificación coa Comisión Europea", manifestou Planas.

O ministro de Agricultura dixo: "Onte á noite concluímos os traballos coa Comisión respecto a un aspecto concreto que afecta 41 dos 87 polígonos en que a CE nos deu a garantía por escrito de que non se aplicará dos 0 aos 400 metros".

Segundo Planas: "Isto supón que a Comisión recoñece que a aplicación do regulamento non se aplica nesas zonas e afecta 41 deses 87 polígonos e a maior parte da nosa frota de arrastre". 

Planas afirmou: "Esta é unha noticia moi positiva e amosa que mantendo a postura seria e rotunda na negociación se conseguen os resultados". Cre que aínda queda moito por facer e que o palangre de fondo está inxustamente incluído nese regulamento.

"O recurso vai adiante. Cremos que na utilización da información científica, a Comisión Europea non foi correcta porque lle facilitamos datos científicos máis recentes e non os tiveron en conta. Eles dixeron que non tiñan intención de suspender a aplicación do regulamento pero que si ía proceder á revisión da nosa petición de xeito inmediato", subliñou o ministro de Agricultura.

Planas cre que a política pesqueira común está baseada en tres piares: a sostibilidade dos recursos pesqueiros, o mantemento económico e social da frota e a importancia que ten para Galicia e España que se manteñan as actividades pesqueiras. Neste sentido, Planas cre que tiveron en conta un aspecto da sustentabilidade pero non toda.

O regulamento entra en vigor o próximo 9 outubro agás nas 41 zonas que confirmou Planas. O minsitro di: "É un regulamento do 2016 sobre augas profundas e aí déuselle todo o poder á Comisión para tomar esta decisión e en xuño España e Irlanda votaron en contra". 

Sobre o tema dos 0 a 400 metros, Planas di que está todo baseado na altimetría e na situación cartográfica e que por iso estiveron en todo momento en contacto co sector para conseguir unha mellor información.

"Creo que é un momento en que a Comisión Europea debería tomar unha pausa, pensar e chegar a un equilibrio entre esa necesaria protección dos sistemas mariños vulnerables e que continúe a nosa actividade pesqueira", subliñou o ministro de Agricultura.

As comunidades afectadas, entre elas Galicia, pedían unha moratoria de dous meses para salvar a campaña do Nadal.

Respecto ao veto á pesca de fondo en 46 zonas, destacou Planas: "O que está claro, e así o confirmou o Comisario Europeo, é que non está disposto a suspender a aplicación do regulamento e xa se conseguiu un primeiro éxito limitando a aplicación dese regulamento de forma moi significativa".

O ministro de Agricultura afirmou: "Hai unha oportunidade para ir delimitando o resto dos problemas porque o seguinte é o do palangre de fondo, xa que se incluíu no informe do ICFES e non se tivo en conta".

Sobre a presentación do recurso, Planas dixo: "O importante é gañar e as maiores debilidades que recorren son o diálogo e a confrontación".

Prezo dos alimentos

Outros aspectos dos que falou o ministro de Agricultura na entrevista foron a escalada do prezo dos alimentos; Planas amosou a súa postura optimista e apuntou que a inflación se vai estabilizar á baixa nos próximos meses.

"Tivemos unha reunión no cumio de onte e discutimos sobre a evolución no prezo dos alimentos e o meu colega alemán está de acordo coa análise que estamos a efectuar. Estamos nunha situación moi complicada polo incremento dos custos do gas e do petróleo e por outra banda polo incremento das materias primas", afirmou Planas.

Cre que os prezos se están a estabilizar e a ver como pasan as cousas nas próximas semanas.

Rebaixa do IVE para produtos básicos

Para rematar, preguntóuselle sobre a proposta do Partido Popular de rebaixar o IVE dos produtos básicos e a de Yolanda Díaz de poñer un límite aos produtos básicos da cesta da compra. En opinión de Planas: "O Partido Popular non tiña que subir o IVE do 9 ao 10 % sobre os alimentos ou do 18 ao 21 %".

Dixo que tratan de que se repartan as cargas nun momento coma este e que "quen ten máis, colabore máis" e que apoia gandeiros e agricultores para que non se vexan prexudicados. Planas pediulle un esforzo á cadea de distribución para traballar todos xuntos e saír desta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade