Podemos acusa o PSOE de "non coidar" a coalición
Podemos acusa o PSOE de "non coidar" a coalición
Acontece despois de aprobar co PP a reforma da lei do 'só si é si'
Ione Belarra cualifica de "imaxe triste" a votación rexistrada onte no Congreso
O fiscal xeral do Estado asegura que se establecerán criterios interpretativos da reforma "se fose necesario"
A aprobación da reforma do PSOE, grazas aos votos do PP, tensionou a relación entre os socios da coalición. Para Ione Belarra, secretaria xeral de Podemos, o vivido este xoves no Congreso foi "unha imaxe triste". A tamén ministra de Dereitos Sociais considera que "hai que coidar a coalición e quen non está coidando a coalición son os que pactan un retroceso no dereito das mulleres co PP".
Non o ven así no PSOE, que falan de simple corrección técnica.
"É unha boa noticia que se aprobase e que se corrixise un erro, unha debilidade que se detectou dentro da lei do 'só si é si'", di a vicepresidenta primeira, Nadia Calviño.
"Ninguén esperaba que puidese haber esa interpretación xudicial que levou a recortes das penas", asegurou a ministra de Asuntos Económicos.
O PP replícalle ao PSOE.
"É indigno e unha falta de respecto absoluto ás mulleres que isto que tanto dano causou se reduza a unha errata, porque non foi unha errata, era algo perfectamente coñecido que non quixo pararse", di a secretaria xeral do partido, Cuca Gamarra.
A Fiscalía asegura que cumprirá a nova lei tan pronto se completen os trámites parlamentarios, tras pasar polo Senado, previsiblemente, a semana que vén.
Álvaro García Ortiz, fiscal xeral do Estado, apuntou que, "se é necesario", estableceranse criterios interpretativos como se fixo coa actual lei, "procurando a menor impunidade posible aos agresores sexuais".