Podemos e nacionalistas piden que a SEPI entre en máis empresas
Podemos e nacionalistas piden que a SEPI entre en máis empresas
Para o PSOE, a operación con Telefónica faise por "patriotismo"
Podemos insta o Goberno a crear unha empresa enerxética e unha farmacéutica públicas
O BNG insta o executivo central a entrar no accionariado de Alcoa
Este mércores no Congreso, os partidos da coalición defenderon a entrada da SEPI en Telefónica. Para o voceiro do PSOE, Patxi López "isto é patriotismo".
Nos corredores, a ministra de Facenda destacaba a importancia da operación. María Jesús Montero cre que "reforza de maneira moi clara" unha empresa "moi estratéxica para o noso país que ten un enorme liderado tecnolóxico e que está presente en moitos sectores da defensa de España, e, polo tanto, relacionada con todas as políticas de seguridade".
Xa no hemiciclo, a líder de Podemos pedíalle ao PSOE valentía para ir máis alá. Ione Belarra reclamáballe ao executivo "unha empresa pública de enerxía e unha farmacéutica pública".
Partidos nacionalistas como EH Bildu celebran a entrada en Telefónica pero piden "entrar en máis empresas". E dan nomes os abertzales: Repsol, Endesa e Iberdrola.
O deputado do BNG engade outra empresa máis: Alcoa. Para Néstor Rego, a entrada do Estado no seu capital "garantiría futuro e tranquilidade para traballadores e veciñanza da Mariña fronte a agónica incerteza actual". O deputado no Congreso considera que "aínda se pode e aínda se debe facer".
Pola súa parte, o PP non ve xustificada a operación. Segundo Juan Bravo, vicesecretario de Economía do partido, "o populismo contáxiase, estamos cargándonos o sistema que establecemos no mercado", e acusa o Goberno de intervencionismo.