Podemos Galicia presenta unha denuncia por delito contra a saúde pública polos 'pellets'
Podemos Galicia presenta unha denuncia por delito contra a saúde pública polos 'pellets'
A denuncia tamén inclúe as Administracións, que "por inacción" poderían agravar "as consecuencias ambientais negativas"
Podemos Galicia presentou perante o xulgado de Primeira Instancia de Noia unha denuncia por delitos contra o medio ambiente e contra a saúde pública polo caso das verteduras de pellets que afecta á costa galega.
Nun comunicado emitido este luns, Podemos informou da presentación desta querela, en que o partido tacha o acontecido como "catástrofe ambiental de primeira magnitude", xa que se produciu "unha evidente degradación dos hábitats costeiros" pola acumulación das pequenas boliñas de plástico que verteu o buque Toconao ao perder ata seis contedores en augas portuguesas, o cal consideran un delito contra o medio ambiente.
A denuncia tamén inclúe as Administracións, que "por inacción" poderían agravar "as consecuencias ambientais negativas".
Podemos detallou que existen ata 220 especies mariñas que inxiren plásticos e apuntou que os pellets actúan como "esponxas tóxicas, que atraen químicos tóxicos repelentes á auga á súa superficie e así os transportan e acollen".
Para a formación, isto podería constituír un delito contra a saúde pública, xa que "cando os seres humanos comen animais mariños que previamente inxeriron pellets, estes tóxicos transfírense a través da cadea alimenticia".
Ademais, a candidata de Podemos á Xunta de Galicia Isabel Faraldo pediu de novo a dimisión do conselleiro do Mar Alfonso Villares por "ocultar información, deixar a limpeza aos concellos e voluntarios e omitir responsabilidades un mes despois".