Podemos mete presión o PSOE para intervir os prezos da cesta da compra
Podemos mete presión o PSOE para intervir os prezos da cesta da compra
Os socialistas apelan ás cadeas alimentarias para que rebaixen voluntariamente os prezos
Mercadona subiu os prezos un 10 %
Para Unidas Podemos, as medidas actuais son insuficientes e pídenlle ao PSOE intervir o mercado para frear a inflación, ben limitando os prezos da cesta da compra, ben bonificando os produtos básicos.
Ione Belarra, ministra de Dereitos Sociais agarda que pase o mesmo que co tope ao gas, "que primeiro dixeron que era populista e despois viuse que era a medida máis efectiva para frear a inflación en España e para baixar a factura da luz".
Pero a parte socialista do Goberno cre que esta proposta é inviable e poñen o foco nas grandes cadeas de alimentación. Patxi López, voceiro do PSOE no Congreso, pregúntase se debemos "librar a toda a cadea alimentaria da súa responsabilidade de país?", xa que, na súa opinión, "é evidente que algúns están tendo beneficios extraordinarios".
Hai unhas semanas, o ministro de Agricultura xa lles pediu aos supermercados que fixesen un esforzo, iso si, voluntario. Para socios parlamentarios, un erro. A Joan Baldoví, voceiro de Compromís no Congreso, parécelle que "o ministro de Agricultura é máis unha rémora á hora de tomar decisións valentes".
Tamén o PP pide máis medidas, como baixar o IVE de carne, peixe e conservas. Para Alberto Núñez Feijóo, presidente do PP, "é evidente que estamos ante un gran proceso inflacionista" e non entende "que o Goberno saque peito de ter unha inflación subxacente por riba dos socios europeos".
Este martes, precisamente, presentou resultados Mercadona. O ano pasado gañou un 5 % máis. O seu presidente recoñece que subiron os prezos un 10 %, pero que á compañía lle subiron os custos un 12 %. "Subimos unha burrada os prezos, teñen razón", recoñecía o seu presidente, Juan Roig, pero considera que "se non subísemos os prezos, o desastre que xerariamos na cadea de produción sería impresionante".
O empresario cre, ademais, que topar os prezos "é imposible, é como dicir que a auga non molla", e defende que as compañías obteñan beneficios porque así, di, pagan máis impostos.