Publicador de contidos
Publicador de contidos

Podemos votará non á reforma do PSOE á lei do 'só si é si' se non chegan a un acordo

Podemos votará non á reforma do PSOE á lei do 'só si é si' se non chegan a un acordo

O presidente Sánchez responde que "hai un sentir maioritario" dos grupos para facer unha "modificación técnica" da lei

O portavoz parlamentario de Unidas Podemos, Pablo Echenique
G24.gal 03/03/2023 12:31 Última actualización 03/03/2023 13:26

PSOE e Unidas Podemos seguen sen poñerse de acordo cinco días antes de que o Congreso debata a toma en consideración da proposta de reforma socialista sobre a lei do 'só si é si' elaborada polo Ministerio de Igualdade, coa que se pretende frear os efectos que están provocando nalgúns casos a aplicación da mesma.

O portavoz parlamentario de Unidas Podemos, Pablo Echenique, advirte os seus socios de que votarán en contra en caso de que non cheguen a un consenso antes do debate.

Pablo Echenique: "Non imos votar co PP volver ao Código Penal da Manada".

En declaracións aos xornalistas efectuadas nos corredores do Congreso, Echenique insistiu en que a iniciativa do PSOE supón volver "ao Código Penal da Manada", e por iso espera entenderse cos socialistas antes do debate do martes para evitar "ese espectáculo pouco edificante" que suporía que a iniciativa saia adiante cos votos do PP e Vox.

Segundo o portavoz da formación morada, o PSOE "debería apostar por un acordo feminista da Cámara e no seo do Goberno, e non apoiarse no Partido Popular".

Pedro Sánchez: "Hai un sentir maioritario entre os grupos de corrixir tecnicamente unha boa lei que está tendo efectos indesexados" 

Desde Helsinqui, onde se reuniu coa primeira ministra de Finlandia, Sanna Marin, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, defendeu que hai un "sentir maioritario" entre os grupos parlamentarios da necesidade de tomar en consideración a reforma do Código Penal para "corrixir tecnicamente" a lei do 'só si é si'.

Sánchez salienta o "compromiso feminista" tanto do Goberno no seu conxunto coma do Psoe e de Unidas Podemos e explica que "temos que tomar en consideración a reforma do Código Penal, non para emendar politicamente senón para corrixir tecnicamente unha boa lei que desgraciadamente está a ter efectos indesexados".

A votación da iniciativa socialista terá lugar o vindeiro 7 de marzo no Congreso, en vésperas do Día Internacional da Muller.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade