Poden facer test de drogas e alcol aos peóns?
Poden facer test de drogas e alcol aos peóns?
Si, sempre que estean implicados nun accidente ou cometesen unha infracción
Negarse carrexa unha multa de 1.000 euros
Preguntamos na rúa se como peóns poden os axentes facernos un control de drogas ou alcol.
"Cando vou camiñando sen ir conducindo?, pois a verdade que non teño nin idea".
"Eu entendo que non, que a un peón non, a un ciclista si".
"Andando ... dependendo tamén en que situación vaias, pero non deberían", comentan varios peóns.
A resposta cambia cando hai un accidente polo medio.
"Ahh, ben, así si, claro".
"Se estás implicado xa, supoño que si".
A Lei de Tráfico e seguridade viaria contempla ese suposto no artigo 12.2. Considera os peóns usuarios da vía con responsabilidade e polo tanto susceptibles de someterse ás probas necesarias.
"No caso de que estean implicados nun accidente de circulación pois os peóns están na obriga de someterse as probas que fosen requiridas polos axentes para o esclarecemento do accidente", explica Francisco Quinteiro, xefe en funcións da Policía Local da Estrada
Tamén poden se o peón comete unha infracción tipificada na lei.
"Como por exemplo se pasan un semáforo en vermello cando estea para o peón en vermello e non poidan pasar, ao peón que cruza pois pódeselle facer unha proba de alcol pero non é vinculante á hora de sancionar xa que sería sancionado pola vía administrativa, por pasar un semáforo en vermello", continúa o policía.
"É a primeira noticia que teño, a verdade, non tiña nin idea sobre este tema", sorpréndese unha viandante.
O que non ten a policía é potestade para facer un control preventivo aos viandantes.
"Non se pode facer control preventivo aos peóns, os controis son para todo aquel condutor usuario que teña licenza de conducir", conclúe o axente.
Como usuarios da vía pública podemos negarnos a facer unha proba?
"Non podemos negarnos, e é necesario, porque se non facemos o que nos dá a gana, non?", apunta un señor.
Se nos negamos a facer as probas, a sanción será administrativa. A multa é de mil euros.