Polémica por un curso para policías impartido por unha empresa de desaloxos
Polémica por un curso para policías impartido por unha empresa de desaloxos
A Dirección Xeral da Policía aclarou "que a formación impartida no marco dese acordo non é homologable nin baremable" e non ten o seu apoio
Tanto o SUP como Desokupa matizaron o seu acordo asegurando que se trata de dar "formación complementaria" e "extracurricular"
O acordo entre un sindicato conservador da policía española e unha empresa de desaloxos extraxudiciais próxima a movementos ultraconservadores desata a polémica en España.
O conflito saltou esta fin de semana, cando o propietario de Desokupa, Daniel Estévez, e o Sindicato Unificado de Policía (SUP) anunciaron un acordo para formar a "milleiros" de axentes -a cifra podería chegar aos 30.000- en defensa persoal, cursos que inicialmente se publicitaron como "homologables" e "puntuables" na formación oficial.
Fontes do Ministerio do Interior saíron ao paso para frear o que se intuía como unha crise de imaxe e reputacional da policía, coa unión dun dos sindicatos máis importantes cun grupo con historial de extorsión e actividades extraxudiciais relacionadas con desaloxos de vivendas.
A Dirección Xeral da Policía aclarou "que a formación impartida no marco dese acordo non é homologable nin baremable" e non ten o seu apoio.
O SUP é un dos maiores grupos sindicais da policía española, o segundo máis votado nas eleccións sindicais e de ideoloxía conservadora.
Desokupa, conflitiva empresa dedicada ao desaloxo forzoso e á ameaza de inquilinos morosos, é un grupo próximo ao partido ultraconservador e reaccionario Se acabó la fiesta, aínda que tamén mostrou certas simpatías co ultradereitista Vox.
Tanto o SUP como Desokupa matizaron o seu acordo asegurando que se trata de dar "formación complementaria" e "extracurricular" aos seus afiliados, con cursos que queren "complementar e reforzar" a "moi boa" formación dos axentes.
O voceiro do sindicato, Carlos Prieto, dixo que non existe ningún interese en "manchar a imaxe da Policía nin que se pense que son policías formados por matóns" e aclarou que o acordo de colaboración se limita ao ámbito persoal e extracurricular dos afiliados".
O Ministerio de Interior estuda impugnar o curso.
Non é estraño que un sindicato policial ofreza cursos de formación aos seus afiliados, explicou Domínguez, voceira doutro sindicato, Jupol, pero sempre que os coñecementos sexan homologables para ser incluídos no expediente policial. A súa crítica é que unha compañía "sen experiencia na materia" sexa quen forme aos axentes.
Ademais de Jupol, outros sindicatos desmarcáronse do acordo para evitar "inxerencias externas non desexables" na formación da policía.
A polémica levou ao Ministerio do Interior español a anunciar que estuda abrir un expediente para comprobar se este convenio conculca os valores democráticos e, no seu caso, impugnalo.
Mentres, a formación de esquerdas Sumar, socio do Goberno, pediu ilegalizar Desokupa, que cualifica de "grupo violento" e que foi denunciado "por realizar afirmacións xenófobas, fascistas, organizarse paramilitarmente e actuar vulnerando a lexislación vixente e os dereitos humanos".