Polémica por un obradoiro no que lanzan cócteles molotov a bonecos con traxe de policía
Polémica por un obradoiro no que lanzan cócteles molotov a bonecos con traxe de policía
O obradoiro forma parte do programa das festas de Granollers
A Fiscalía de Menores iniciou unha investigación
A polémica invade as festas da localidade barcelonesa de Granollers por actividades coma esta. Simulan a fabricación dun cóctel molotov que despois lanzaban contra un boneco con traxe de policía. Noutro dos obradoiros a clave era empurrar contedores contra furgóns policiais de cartón.
Ante este feitos varios sindicatos policiais denunciaron a alcaldesa por posibles delitos de odio e de inxurias contra as forzas de seguridade.
Dende o Concello, gobernado polo PSC, manifestaron nun comunicado o seu apoio ás forzas de seguridade e declararon descoñecer o contido dos talleres, que si se especificaba no propio programa de festas.
Pola súa banda, os organizadores do obradoiro lamentaron a través dun chío a interpretación dun acto que cualifican como lúdico e aseguran que non querían ofender nin incentivar á violencia.
Entre os veciños, uns din que se trata dunha sátira festiva que se sacou de contexto.
"Son actos irreverentes que se fan no marco dunhas festas".
"Fóiselles das mans, pero non hai reivindicacións políticas nin violencia".
Outros rexeitan por completo a actividade.
"Non era necesario o do uniforme de policía, creo que non foi acertado".
"Paréceme inadmisible que lancen cócteles molotov a un boneco de policía. Isto é unha falta de respecto impresionante".
Agora a Fiscalía de Menores pide que se investigue se nas polémicas actividades se desprotexeu os menores de idade.