Serran o peche do curro días antes da rapa das bestas do Campo do Oso
Serran o peche do curro días antes da rapa das bestas do Campo do Oso
É posible que tras a desfeita estea unha vella liorta entre comuneiros de dúas parroquias distintas
A tradicional rapa do Campo do Oso non se vai celebrar este ano no curro no que se facía dende hai décadas debido a que esta semana apareceron serradas todas as estelas coas que estaba pechado o curro. É posible que tras a desfeita estea unha vella liorta entre comuneiros de dúas parroquias distintas.
Este é o curro no que se celebraba dende hai case cinco décadas a rapa das bestas do Campo do Oso, en Mondoñedo. Pero este ano non vai poder ser aquí, logo de que este venres, a pouco máis dunha semana da celebración da rapa, amencese todo o peche serrado.
Francisco é un dos comuneiros que participan na rapa. Acompáñanos ata a casa de Alba, unha das encargadas da organización, quen asegura que a rapa vaise celebrar igual, e que se non pode ser no curro de sempre será nestoutra manga.
Malia que ninguén fai ningunha acusación formal, é posible que tras a corta do peche do curro estea unha vella liorta entre comuneiros de dúas parroquias distintas, os de Santa María Maior, en Mondoñedo, e os da Bretoña, na Pastoriza, xa que falando co vicepresidente da Asociación de Comuneiros da Bretoña, quen non quixo ser gravado, o curro do Campo do Oso está en terreo de monte común da Bretoña, co cal, literalmente, díxonos que como o curro lles pertence, poden facer con el o que lles pete, o cal non quere dicir que o desfixeran eles, pero que se alguén ten que denunciar a desfeita correspóndelles a eles como donos lexítimos do monte, e non aos de Santa María Maior.
Segundo o vicepresidente dos comuneiros da Bretoña o deslinde está feito hai anos e os planos recollen o curro no seu terreo; e segundo os comuneiros de Santa María Maior ese deslinde está recorrido no xulgado.