Políticos e colectivos soberanistas celebran o sexto aniversario do 1-O con chamamentos á unidade
Políticos e colectivos soberanistas celebran o sexto aniversario do 1-O con chamamentos á unidade
Aragonès insta o independentismo a dialogar e a escoitar
A ANC reparte réplicas de urnas e reclama independencia ou eleccións
Sexto aniversario do referendo do primeiro de outubro con Barcelona como centro das mobilizacións e coincidindo coas negociacións para a investidura. Esta mañá xa houbo distintos actos e distintas declaracións.
A media mañá, na praza de Urquinaona, escenario de numerosos incidentes tras a sentenza do TS sobre o procés, a Asemblea Nacional Catalá distribuía réplicas das urnas utilizadas hai seis anos. Nun acto en que se botaron ao lixo retratos do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e do rei, a presidenta da entidade reclamou independencia ou eleccións.
"Non queremos máis supostos momentos históricos nin pactos históricos", dixo.
Con todo, algúns dos asistentes admiten estar desencantados seis anos despois daquela consulta ilegal. As urnas acabaron tiradas no chan, diante da Xefatura Superior de Policía. Despois, a manifestación continuou co seu percorrido ata o Palau da Generalitat.
O presidente, Pere Aragonès, celebrou o aniversario en Fonollosa, concello onde interveu a Garda Civil hai seis anos para evitar as votacións. Na declaración institucional, Aragonés pediu unidade e insistiu en que a amnistía non resolve o conflito, a autodeterminación si.
"Hai que saber sumar, falar e escoitar para darnos conta de que non estamos tan lonxe uns de outros".
Nas redes sociais, o seu predecesor, Carles Puigdemont, tamén fixo un chamamento á unidade e instou as forzas independentistas a volver á fórmula orixinal do 1-O. E quen fora o seu vicepresidente e líder de Esquerra Republicana, Oriol Junqueras, reiterou que nunca van renunciar á autodeterminación.