Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os últimos ataques israelís deixan polo menos trinta persoas mortas en Gaza

Os últimos ataques israelís deixan polo menos trinta persoas mortas en Gaza

Desde o inicio da guerra, 37.296 persoas faleceron e 85.197 resultaron feridas na Franxa, a maioría delas mulleres e menores

O Exército israelí confirmou a morte de oito militares, entre eles un capitán, nun "grave incidente" nunha operación en Rafah

Unha familia palestina tras un ataque israelí en Deir Al-Balah. REUTERS/Abed Khaled Unha familia palestina tras un ataque israelí en Deir Al-Balah. REUTERS/Abed Khaled
G24.gal 15/06/2024 09:40 Última actualización 15/06/2024 18:37

As operacións israelís na franxa de Gaza deixaron polo menos 30 persoas mortas e 95 feridas nas últimas 24 horas, informa o Ministerio de Sanidade do enclave, controlado por Hamas, no seu boletín diario.

Desde o 7 de outubro, 37.296 persoas perderon a vida en Gaza e 85.197 resultaron feridas, un 70 % delas mulleres e menores, segundo as mesmas fontes.

Os equipos de rescate recuperaron os corpos de nove vítimas entre os entullos de vivendas da devastada Rafah, un dos puntos onde o Exército israelí mantén unha presión constante con bombardeos e incursións, recolle a axencia de noticias palestina Wafa.

Segundo manifestou este venres o responsable do Comando Sur do Exército, Yaron Finkelman, van seguir avanzando "ata lograr todos os seus obxectivos".

Ao redor dun millón de persoas fuxiron da cidade cara a outros puntos do sur e o centro de Gaza, como as praias de Al Mawasi, o campo de refuxiados de Deir Al-Balah ou a próxima Jan Yunis. Nesta última, o Exército bombardeou con tanques a zona oriental da cidade e o barrio de Zeitún.

Ofensiva na cidade de Gaza

O outro foco da ofensiva israelí foi a cidade de Gaza (norte), onde "19 cidadáns morreron e polo menos outros 50 resultaron feridos en incursións de drons da ocupación que atacaron tres casas nos barrios de Shujaiya e Tuffah", recolle Wafa, sobre os ataques deste sábado.

Ademais, as tropas manteñen incursións terrestres e combates en Beit Hanoun, ao sur da capital; nas zonas orientais de Deir Al-Balah; ou no nordés de Jan Yunis, ao sur do territorio palestino.

Parte israelí

Pola súa banda, o Exército  israelí confirmou a morte de oito militares, entre eles un capitán de 23 anos, nun "grave incidente" durante unha operación en Rafah.

É a xornada máis letal para as tropas hebreas dende o 22 de xaneiro, cando faleceron 21 militares ao derrubarse sobre eles dous edificios.

As brigadas al Qasam, o brazo armado de Hamas, reivindicaron este sábado á a súa morte como "unha emboscada contra vehículos inimigos" que se atopaban na zona de Tal al Sultan, no oeste da cidade fronteiriza.

Desde que Israel lanzou a súa operación terrestre contra Gaza, 307 militares morreron e polo menos outros 1.500 quedaron feridos, segundo o propio Exército. Coas vítimas do ataque de Hamas do 7 de outubro, serían en total 620.

Crise humanitaria

Mentres tanto, a crise humanitaria segue agravándose en toda a Franxa, marcada pola fame e a escaseza de recursos como o combustible.

O pasado mércores o Director Xeral da Organización Mundial da Saúde denunciou que "unha parte significativa da poboación de Gaza afronta condicións catastróficas de fame", e uns 8.000 menores de cinco anos teñen desnutrición aguda.

Edificios destruídos na cidade de Gaza Edificios destruídos na cidade de Gaza
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade