Polo menos 22 mortos polo paso dun ciclón polo sur do Brasil
Polo menos 22 mortos polo paso dun ciclón polo sur do Brasil
A peor traxedia por un evento climático extremo en Rio Grande do Sul
Este é o cuarto ciclón extratropical que golpea Rio Grande do Sul desde xuño pasado
O número de falecidos polo paso dun ciclón extratropical que avanza desde o luns pola rexión sur do Brasil aumentou a 22 nos estados de Rio Grande do Sul e Santa Catarina.
Rio Grande do Sul, fronteirizo coa Arxentina e o Uruguai, é a rexión máis golpeada polo ciclón, cun balance preliminar de 21 falecidos e ao redor de 4.000 evacuados, segundo anunciou o gobernador rexional Eduardo Leite.
Esta é xa a peor traxedia por un evento climático extremo en Rio Grande do Sul, onde ata o de agora era pouco habitual o rexistro de ciclóns extratropicais.
A outra vítima mortal rexistrouse no veciño estado de Santa Catarina, onde un home perdeu a vida cando unha árbore caeu sobre o vehículo en que viaxaba.
Ao redor de 60 concellos de Rio Grande do Sul sufriron danos como consecuencia dos fortes refachos de vento e o gran volume de precipitacións, que illou comunidades enteiras como consecuencia de inundacións e desbordamentos dos ríos.
Segundo Defensa Civil, 15 dos 21 mortos notificados en Rio Grande do Sul ocorreron en Muçum, onde as choivas mergullaron baixa a auga boa parte do concello e moitos veciños quedaron atrapados no tellado das súas casas.
Leite sinalou que a cifra de falecidos pode subir nas próximas horas debido a que o nivel da auga comezou a baixar, posibilitando a inspección dos servizos de rescate nas zonas máis afectadas.
"Cando a auga baixe, veremos os danos" en toda a súa magnitude, afirmou o gobernador, que tamén mostrou a súa preocupación polas previsións meteorolóxicas, que anticipan máis precipitacións durante a próxima fin de semana.
Así mesmo, destacou que a prioridade agora é "rescatar" as familias que quedaron incomunicadas, para o cal están involucrados centos de efectivos de Defensa Civil, o Corpo de Bombeiros, as forzas armadas e grupos de voluntarios.
Este é o cuarto ciclón extratropical que golpea Rio Grande do Sul desde xuño pasado.
Ese mes, o paso doutro ciclón provocou a morte de 16 persoas e uns 15.000 evacuados. En xullo, volveu repetirse o fenómeno e deixou un morto, unha vintena de feridos e ao redor dun millón de persoas sen luz. En agosto pasou un terceiro sen que se notificasen grandes danos.
O presidente brasileiro Luiz Inácio Lula da Silva expresou a súa solidariedade coas familias afectadas e prometeu "facer todo o posible para axudar a poboación" a superar este momento.