Polo menos catro mortos nun ataque nocturno ruso contra Leópolis
Polo menos catro mortos nun ataque nocturno ruso contra Leópolis
Polo menos nove persoas foron feridas, e buscan máis entre os entullos
Polo menos catro persoas morreron esta madrugada na cidade de Leópolis, do oeste de Ucraína, como consecuencia do impacto dun mísil ruso contra un edificio de varias plantas, informou hoxe o Ministerio do Interior.
O ataque destruíu a terceira e a cuarta planta do edificio. Polo menos nove persoas foron feridas, e os servizos de rescate seguen traballando entre os entullos ante a posibilidade de que haxa máis vítimas.
O presidente de Ucraína Volodimir Zelenski condenou o ataque cunha mensaxe publicada en Telegram xunto a un vídeo do edificio parcialmente destruído polo mísil.
“Haberá sen dúbida unha resposta ao inimigo, unha resposta tanxible”, escribiu Zelenski, que deu o seu pésame ás familias das vítimas.
As alarmas antiaéreas activáronse ao redor das dúas e media da madrugada en Leópolis, unha cidade de máis de 700.000 habitantes e unha dos grandes centros urbanos ucraínos máis afastados da fronte, ao identificar a Forza Aérea de Ucraína “varios mísiles inimigos dirixíndose ás provincias do oeste” do país.
A Administración Militar de Leópolis anunciou as explosións que causaron a traxedia pouco antes das tres da madrugada hora local. Segundo esta fonte, o ataque tamén danaría unha infraestrutura crítica, ademais de alcanzar un edificio residencial.
Polo momento non se coñecen detalles sobre o número e o tipo de mísiles utilizados por Rusia neste novo ataque nocturno letal contra unha cidade ucraína.