Publicador de contidos

Publicador de contidos

Polo menos 12 mortos por tormentas no sueste dos EUA

Polo menos 12 mortos por tormentas no sueste dos EUA

Morreu unha persoa en Xeorxia e 11 en Kentucky, entre elas unha muller e un neno que foron arrastrados polas augas

O temporal deixou estradas intransitables, edificios danados e cortes de electricidade que afectan por centos de miles de fogares e negocios en varios estados

G24.gal 17/02/2025 08:27 Última actualización 17/02/2025 20:41

Un potente sistema meteorolóxico con intensas choivas e ventos tempestuosos azoutou nas últimas horas unha ampla zona do sueste dos Estados Unidos e deixou polo menos 12 falecidos, 11 en Kentucky e un en Xeorxia.

O gobernador de Kentucky, Andy Beshear, informou este domingo nunha conferencia de prensa de que entre os falecidos están unha muller e un neno que foron arrastrados polas augas. Beshear advertiu de que o número de vítimas podería aumentar.

"Kentucky aínda está a sufrir o impacto xeneralizado dunha meteoroloxía extrema (...) Necesitamos que todos sexan conscientes de que as condicións son perigosas e de que necesitan afastarse das estradas", advertiu o gobernador de Kentucky, Andy Beshear, nunha publicación en redes.

En Xeorxia, unha persoa faleceu en Atlanta cando unha árbore caeu sobre a súa vivenda na madrugada do domingo, segundo confirmou o capitán Scott Powell, do corpo de bombeiros da cidade. Segundo o Servizo Meteorolóxico Nacional (NWS, en inglés), algunhas zonas de Kentucky e Tennessee rexistraron ata 15 centímetros de choiva.

O temporal deixou estradas intransitables, edificios danados e cortes de electricidade que afectan por centos de miles de fogares e negocios en Kentucky, Tennessee e outros estados.

 

Camión cuberto pola auga en Frankfort, Kentucky. Reuters / Oficina do Gobernador de Kentucky Camión cuberto pola auga en Frankfort, Kentucky. Reuters / Oficina do Gobernador de Kentucky

En Alabama, reportáronse fortes ventos e un tornado que tocou terra no condado de Ale durante a noite. En Kentucky, a auga mergullou vehículos e edificios, mentres que en Virxinia varios escorregamentos de terra bloquearon estradas entre o sábado e o domingo.

As autoridades emitiron alertas por inundacións en Kentucky, Tennessee, Virxinia e Arkansas. En Virxinia Occidental, o Estado declarou o estado de emerxencia en 13 condados do sur debido ás inundacións, que deixaron algunhas áreas incomunicadas por estrada.

O presidente dos EUA Donald Trump aprobou unha declaración de desastre para Tennessee, o cal permite ao Estado dispoñer da axuda do Goberno federal para recuperarse da tormenta.

Os fortes ventos continuarán en todo o nordés ata o luns pola noite, cunha nova tormenta xa en marcha provocando nevadas dispersas pola cordilleira das Montañas Rochosas e ao leste destas -na zona das Grandes Chairas-.

Prevese que a tormenta se amplíe cara ao sur e o leste ata o mércores.

O martes pola mañá espéranse fortes nevadas en Kansas, o sur de Missouri e o norte de Oklahoma. Pola tarde, prognostícanse fortes nevadas que se estenderán ao norte de Arkansas e ao sur de Misuri.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade