Polo menos dez mortos e 24 feridos nas explosións rexistradas en Kíiv
Polo menos dez mortos e 24 feridos nas explosións rexistradas en Kíiv
O asesor do Ministerio de Interior ucraíno informou de que se trata de drons kamikazes, que tamén foron lanzados sobre outras cidades coma Dnipro, Leópolis e Ternopil
Catro explosións golpean o centro de Kíiv. A capital de Ucraína foi bombardeada á primeira hora de hoxe. Un dos mísiles caeu sobre un parque infantil e deixou un enorme cráter. Segundo informou o Servizo de Emerxencias ucraíno, o ataque cobrouse varias vidas. O Goberno ucraíno está falando de polo menos dez mortos e 24 feridos; a maioría civís.
Volodimir Zelenski pediu á poboación que non abandone os refuxios e denunciou a utilización de 17 drons iranianos neste ataque que, segundo dixo, tiña como obxectivo instalacións enerxéticas.
Pero a capital non foi o único obxectivo dos proxectís rusos. O xefe do exército ucraíno asegurou que Moscova lanzou máis 83 mísiles por toda Ucraína dos cales 43 foron neutralizados polas defensas antiaéreas.
Estes bombardeos indiscriminados prodúcense dous días despois da explosión que destruíu parcialmente a ponte que conecta a península de Crimea con Rusia. Na reunión do Consello de Seguridade ruso Putin acusou a Ucraína de terrorismo e ameazou con "respostas firmes" e ataques masivos se continúan as ameazas á Federación Rusa.
Os líderes europeos non tardaron en condenar estes bombardeos; de feito dende a Unión Europea sinalan que é un acto criminal que non ten cabida no século XXI.
A esta condena unánime súmase a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen,que dixo que "apoia firmemente" a creación dun tribunal internacional para xulgar, cando chegue o momento, os responsables dos crimes de guerra que se están cometendo en Ucraína.