Polo menos seis mortos no accidente dun submarino turístico en Exipto
Os servizos de emerxencia rescataron 39 persoas e non hai desaparecidos
Os falecidos son rusos
Catro dos feridos están en estado crítico e están a recibir tratamento nun hospital próximo

Polo menos seis persoas morreron e outras nove resultaron feridas en Hurghada, na costa exipcia do Mar Vermello, despois de que un submarino que transportaba turistas sufrise un accidente, informou este xoves o diario exipcio Al Masry Al Youm.
Os outros 39 turistas que ian a bordo foron rescatados.
As autoridades da Gobernación do Mar Vermello confirmaron nun comunicado que polo menos catro dos seis falecidos son de nacionalidade rusa e non indicou as nacionalidades dos outros afectado, todos estranxeiros.
Estas mesmas fontes indicaron que catro dos feridos están en estado crítico e están a recibir tratamento nun hospital próximo, na zona de Kawthar en Hurghada.
O submarino turístico denominado Sinbad realizaba unha viaxe rutineira dende unha das praias da localidade con 45 persoas a bordo cando sufriu un fallo técnico nos motores que provocou o afundimento da embarcación de recreo.
A sala de operacións da Gobernación do Mar Vermello activou de inmediato un dispositivo de emerxencia a través do que se desprazaron ambulancias e profesionais do servizo de emerxencias ata o lugar.
A compañía de seguros VSK, que cubría aos turistas, encargarase dos gastos sanitarios e da repatriación dos viaxeiros.
O gobernador da provincia oriental exipcia do Mar Vermello, Amro Hanafi, afirmou que o submarino contaba con "unha licenza válida" e que o comandante da tripulación posúe "os certificados académicos necesarios" para dirixir a embarcación.
Hanafi non ofreceu detalles sobre as causas do accidente, aínda que asegurou que se iniciou unha investigación coa tripulación para determinar o sucedido.