Publicador de contidos

Publicador de contidos

Transportes autoriza que parta o buque chinés retido desde decembro no porto exterior da Coruña

Transportes autoriza que parta o buque chinés retido desde decembro no porto exterior da Coruña

Faino tras aboar unha fianza de 1,5 millóns de euros pola caída de guindastres na ría de Ares e Prioriño

Barco chinés retido en Punta Lagosteira (Transportes) Barco chinés retido en Punta Lagosteira (Transportes)
G24.gal 05/03/2025 14:03

A Capitanía Marítima da Coruña permitiu a saída do buque chinés Shang De Wu Yi Shan, retido desde o día 6 de decembro nas instalacións de Punta Lagosteira, no porto exterior coruñés, tras un accidente que provocou a caída de guindastres na ría de Ares e Prioriño.

A saída, informa o Ministerio de Transportes, tivo lugar onte pola tarde, tras aboar unha garantía de 1,5 millóns de euros. "Esta garantía substituíu a orde de retención inicial e será devolta ao armador cando finalicen os traballos de subtracción dos guindastres que permanecen en Ares e Prioriño".

"Trátase, polo tanto, dun aval que funciona a modo de fianza xa que, no caso de que a empresa contratada polo armador do buque non levase a cabo os traballos de remoción do fondo mariño, faríao Salvamento Marítimo de maneira subsidiaria", engade.

Durante os tres meses de inmobilización do buque, o armador cumpriu co resto das medidas impostas pola Capitanía tras o accidente. En concreto, sacou cascallos da cuberta, retirando arredor de 600 toneladas de aceiro dos guindastres que non caeron ao mar, e realizou as reparacións necesarias para garantir unha navegabilidade segura.

En concreto, as reparacións esixidas, incluídas as probas das soldaduras, finalizaron o xoves pasado. O venres, dous inspectores da Capitanía volveron inspeccionar o buque en compañía dun inspector da Sociedade de Clasificación da China.

Emitiuse un informe favorable e deuse ao armador un prazo de tres meses para realizar reparacións definitivas, "que pasan por varar o barco no estaleiro de Qinzhou", explica o capitán marítimo, Gonzalo Guillén. O buque partiu con toda a tripulación e portando como carga dúas pezas de guindastre que non sufriron dano.

Por outra banda, Capitanía Marítima confirma que foron os sucesivos temporais os que impediron que finalicen os traballos de subtracción dos guindastres en Ares e que comecen os de Prioriño, onde a carga caída, "perfectamente localizada", atópase a uns 60 metros de profundidade. Neste sentido, Capitanía Marítima lembra que a necesidade de ter bo tempo para poder realizar a remoción en condicións de seguridade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade