Publicador de contidos
Publicador de contidos

A OTAN e Polonia apuntan a que o mísil que impactou no país sexa ucraíno

A OTAN e Polonia apuntan a que o mísil que impactou no país sexa ucraíno

A OTAN cre que se tratou dun mísil antiaéreo ucraíno que se desviou da súa traxectoria

Ucraína pide acceso ao lugar de explosión e insiste na autoría rusa

Lugar onde caeron os mísiles, esta mañá
G24.gal 16/11/2022 11:49 Última actualización 16/11/2022 15:15

O presidente de Polonia, Andrzej Duda, declarou este mércores en Varsovia que "é probable" que o mísil que impactou o martes no seu territorio e causou dous mortos "fose lanzado por Ucraína" e agregou que "nada indica" que se trate dun "ataque intencionado contra Polonia".

Duda sinalou que "o máis probable é que o mísil foi fabricado na Unión Soviética" e do modelo S300. "Ucraína estaba a defenderse contra os ataques rusos, así que a culpa de todo o incidente é de Rusia", agregou o presidente polaco.

Pola súa banda o primeiro ministro, Mateusz Morawiecki, afirmou: "o que podo dicir que é a maioría das probas que recollemos indican que non será necesario invocar o Artigo IV da OTAN neste momento".

Esa disposición prevé consultas entre aliados cando estea ameazada a integridade territorial, a independencia política ou a seguridade de calquera das partes. "Con todo é unha ferramenta que aínda está nas nosas mans", agregou Morawiecki.

A OTAN tamén cre o que mísil era ucraíno

A OTAN non considera que Rusia atacase a Polonia e cre que o mísil procedía da defensa aérea de Ucraína, segundo o secretario xeral da Alianza, Jens Stoltenberg,

"Non temos indicios de que isto fose o resultado dun ataque deliberado e non temos indicios de que Rusia estea a preparar accións militares ofensivas contra a OTAN”, afirmou Stoltenberg, tras unha reunión de emerxencia do Consello do Atlántico Norte, o principal órgano de toma de decisións da organización.

A análise preliminar da OTAN "suxire que o incidente foi probablemente causado polo mísil de defensa aérea ucraíno disparado para defender o territorio ucraíno contra os ataques de mísiles de cruceiro rusos”, indicou.

Stoltenberg pediu en todo caso esperar aos resultados da investigación que está en curso e fixo fincapé en que, aínda que “hai que reaccionar rápido”, tamén hai que "manter a calma e evitar unha escalada”.

Ucraína pide acceso ao lugar de explosión e insiste na autoría rusa

 O Goberno de Ucraína pediu acceso inmediato ao lugar en que impactou o mísil e insistiu en que este procedía de Rusia e non de Ucraína como apuntaron a OTAN e o presidente polaco, 

O Goberno ucraíno avoga por unha investigación conxunta cos seus aliados e o máis detallada posible e está completamente aberto a un exame comprehensivo da situación e a "acordar conclusións en base a todo o conxunto de datos dispoñibles".

Ademais, Kíibv está lista para entregar as probas das que dispón e que demostran un "rastro ruso", agregou o Consello, que se reuniu na capital ucraína baixo o mando do presidente ucraíno, Volodímir Zelenski.

Moscova negou dende o primeiro momento a súa implicación, malia as acusacións de Kíiv. O temor á escalada marcou a prudencia das primeiras avaliacións tras o ataque. O presidente dos Estados Unidos xa consideraba "pouco probable" que o mísil se disparara dende Rusia. 

Con todo, o temor medra nos países próximos. Alemaña ofreceulle a Polonia cazas para reforzar o seu espazo aéreo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade