Publicador de contidos
Publicador de contidos

Instalan cámaras na cidade vella de Ourense para denunciar excesos do ocio nocturno

Instalan cámaras na cidade vella de Ourense para denunciar excesos do ocio nocturno

Veciños aseguran que a situación é insoportable

Pretenden acreditar as súas denuncias con imaxes, para que lles fagan caso

A medida xera dúbidas de carácter legal

G24.gal 23/11/2022 13:59

Recorrer ás cámaras para rexistrar o que pasa na rúa é unha medida, din os veciños da zona vella de Ourense, froito da indefensión: para acreditaren unha realidade que se repite cada fin de semana e que, lonxe de atallarse a consecuencia das súas denuncias, vai cada vez a máis.

"Cada vez que nos espertan pola razón que sexa, eu collo a GoPro, póñoa na ventá, porque están berrando, porque están facendo ruído, porque o local está coas portas abertas... Temos un interese lexítimo en acreditar unha denuncia. O vídeo pasámosllo ao Concello e eles verán o que fan con el", explica un veciño que quere manter o anonimato.

Pelexas coma a que se producía a principios de mes na praza da Estrela, con dous detidos pola brutal malleira a muletazos a unha parella, ou os outros dous feridos leves que houbo esta fin de semana na mesma zona, son a punta do iceberg que denuncian os veciños da zona vella.

"Moitas pelexas. Todas as fins de semana hai problemas e cada un intenta protexer o seu e ter tamén material co que denunciar porque senón, ignórante e estamos moi cansos", di outro veciño, tamén desde o anonimato.

A legalidade da medida é o que xera controversia entre os propios afectados. Só as administracións están lexitimadas para gravar as zonas públicas, e sempre previa autorización da Comisión de Garantías de Videovixilancia de Galicia.

"Aínda que se comprende a situación de indefensión que poden estar sufrindo estes veciños, estas gravacións deben respectar sempre a intimidade das persoas, e neste senso, unha entidade privada ou neste caso os veciños non están lexitimados a gravar nas zonas públicas", di Román Arias Fraiz, avogado e delegado certificado pola Axencia Española de Protección de Datos.

Xuridicamente si hai precedentes de que este tipo de gravacións se autoricen como proba no caso da comisión dun delito.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade