Ponteareas intenta recuperar a normalidade tras o temporal que desbordou o Tea
Ponteareas intenta recuperar a normalidade tras o temporal que desbordou o Tea
En Vigo a caída dun muro obrigou a pechar unha rúa do barrio de Castrelos
Cortes de tráfico en Ponte Caldelas pola crecida do río Verdugo
Tras o paso do máis duro do temporal, é tempo de limpeza e balance de danos. Nos lugares máis afectados, como Ponteareas, intentan recuperar a normalidade, pero cun ollo posto nas marxes do río Tea.
A enchente do río Tea ao seu paso por Ponteareas deixa un regueiro de vivendas desaloxadas e anegadas e familias que, dous días despois, intentan recuperar a normalidade.
En Ponteareas todos están pendentes do ceo e do río Tea, que en lugares coma a praia fluvial da Freixa rebordou ata deixala irrecoñecible.
Segundo bombeiros, protección civil e policía local, o peor xa pasou e a situación está baixo control, malia que algúns veciños aínda non poden volver ás súas casas.
A auga desbordou o leito do río en varios puntos das parroquias de Moreiras e Freixa e os bombeiros levan 48 horas de traballo ininterrompido.
Problemas tamén en Vigo, concretamente no barrio de Castrelos, cuxos veciños amenceron cun bo susto polo derrubamento dun muro que obrigou ao corte do tráfico da rúa Subida á costa.
Non houbo que lamentar danos persoais, e o condutor dun coche zafou no último momento. Tamén viviron complicacións hoxe en Ponte Caldelas, onde a crecida do río Verdugo obrigou ao corte do acceso ao paseo da Calzada.