Pontón asegura que o BNG é a obra coa que soñou Alexandre Bóveda
Pontón asegura que o BNG é a obra coa que soñou Alexandre Bóveda
O lugar da Caeira, no que foi fusilado o líder galeguista no ano 1936, acolleu un ano máis os actos centrais do Día da Galiza Mártir
Un ano máis, no Día da Galiza Mártir, o BNG organizou o acto de homenaxe na Caeira, en Poio, a Alexandre Bóveda, no lugar onde o galeguista foi fusilado polo bando golpista ao inicio da Guerra Civil, hai 86 anos.
A voceira nacional do Bloque, Ana Pontón, apelou ao legado de Bóveda e asegurou que as súas ideas avanzadas son hoxe máis necesarias ca nunca.
Pontón reivindicou a figura de Alexandre Bóveda e asegurou que o partido que lidera é a obra coa que el soñou. “O BNG non deixa de ser a obra coa que soñou Bóveda, o partido galeguista do século XXI, que el empezou nun período histórico tan ilusionante e que hoxe se mantén vivo”, dixo.
A líder nacionalista asegurou que hoxe é “máis necesario que nunca” manter viva a memoria dos represaliados en 1936 e nos anos posteriores, todos eles exemplificados en Bóveda, quen foi asasinado “simplemente por defender as súas ideas, o seu amor a Galicia e a República”.