Publicador de contidos
Publicador de contidos

Pontón: "Esta reforma laboral non cumpre o compromiso do PSOE e Podemos coa cidadanía"

Pontón: "Esta reforma laboral non cumpre o compromiso do PSOE e Podemos coa cidadanía"

Pontón di que o BNG está onde estivo sempre, en derrogar a reforma laboral do Partido Popular

Sobre o conflito en Ucraína, a voceira nacionalista destacou que a postura do seu partido é de "Non á guerra"

Ana Pontón no informativo Bos días
G24.gal 27/01/2022 10:28

A voceira nacionalista do BNG estivo este xoves no informativo Bos días, onde participou nunha entrevista. Antes de falar sobre os temas de actualidade, quixo felicitar as Tanxugueiras pola súa actuación no Benidorm Fest e dixo que agarda que representen a España no festival de Eurovisión.

Sobre os recentes datos da enquisa de poboación activa, Pontón dixo que calquera dato que mellora o emprego "é unha boa noticia", pero que en Galicia hai dous problemas: que 200.000 mozos tiveron que marchar e a precariedade do mercado laboral, que condena as mulleres e os máis novos. Cre que hai que apostar pola industria, a ciencia e a innovación para crear emprego de calidade.

Reforma laboral

Pontón manifestou que a proposta de Unidas Podemos e o PSOE sobre a reforma laboral "é decepcionante" e que o BNG está onde estivo sempre, en derrogar a reforma laboral do Partido Popular porque foi, segundo subliñou, a causante desa precariedade laboral.

Dixo que con esa proposta de decreto "despedir segue sendo igual de barato, que empresas con grandes beneficios poden acollerse a despedimentos e que non hai unha recuperación da autorización dos eres por parte da autoridade laboral".

Pontón manifestou que o que lle pide ao Goberno é que "cumpra co seu compromiso coa cidadanía da derrogación íntegra da reforma laboral do PP".

Sobre que os partidos nacionalistas non apoien o Goberno na reforma laboral e que ao mellor teña que recibir o apoio de Ciudadanos, Pontón volveu remarcar que non se cumpre o compromiso coa cidadanía e que se lle fai "un lavado de cara" á reforma do PP. Dixo que no manifesto que presentaron este xoves o que piden é que na tramitación que se faga dese decreto lei se poidan incorporar os compromisos adquiridos, e demostra que hai outra forma de gobernar.

Sanidade

Na sesión de control no Parlamento de Galicia deste mércores, Pontón dixo que había que reforzar a atención primaria e que comparten a preocupación que ten a cidadanía galega sobre a sanidade.

A voceira nacionalista cre que o problema da sanidade non vén derivado da pandemia e que na súa opinión hai que recuperar as xerencias de primaria e acabar coa precariedade laboral do sistema se saúde público. Pontón manifestou que o investimento en atención primaria se sitúa no 12 % e que é a metade do que recomendan os especialistas que se necesita.

Vivenda

Pontón referiuse á posición do BNG sobre a lei da vivenda e afirmou: "O que falla é que a competencia en materia de vivenda está transferida ás comunidades autónomas e que nese ámbito Feijóo beneficiou os intereses do sector da construción". Destacou que a mocidade ten un problema coa vivenda e que sen emprego "é difícil que teñan un futuro".

A voceira nacionalista volveu facer mención á proposta de crear unha tarifa eléctrica galega e que así "nos poidamos beneficiar dunha riqueza eléctrica, como pasa nos países da nosa contorna". Sobre o tema eólico dixo que se podía cambiar o modelo, que tería que ser respectuoso co medio ambiente e estar vinculado cun desenvolvemento económico co país.

Ucraína

Esta semana, na comparecencia do ministro de Exteriores no Congreso, o deputado do BNG Néstor Rego dixo, entre outras cousas, que a crise de Ucraína obedecía á política expansionista/imperialista dos Estados Unidos. Pontón destacou que a postura do seu partido é de "Non á guerra" e o que hai que mobilizar é a diplomacia e non as tropas.

A entrevista rematou outra vez facendo referencia á actuación das Tanxugueiras no Benidorm Fest; Pontón quixo destacar o labor que están realizando pola normalización lingüística do galego e polo orgullo de ser mulleres.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade