Por unha rúa de Monforte discorren, dende hai semanas, miles de litros de auga
Por unha rúa de Monforte discorren, dende hai semanas, miles de litros de auga
A aparición deste río urbano desconcerta os veciños, que especulan sobre a súa orixe
Nunha das costas da zona vella de Monforte formouse unha especie de río urbano. Trátase da rúa Abelardo Baanante, onde hai tres semanas comezaron a brotar dunha parede miles de litros de auga que discorren por esta vía peonil ata acabar verténdose polos sumidoiros.
A aparición deste curso de auga está a desconcertar os residentes neste barrio monfortino. A veciñanza afirma descoñecer se é orixinado por un manancial natural na procura dunha saída ou se realmente se trata dunha rotura na rede de abastecemento de auga.
Abraiados por esta situación que se está a prolongar no tempo, os veciños da contorna esperan que se identifique canto antes a procedencia desta corrente de auga. Instan, por tanto, as autoridades locais a tomaren medidas urxentes.
Polo momento, as vivendas non sufriron filtracións, pero os residentes temen que tanta auga chegue a afectar as casas en ruínas que hai á beira do regato.