Publicador de contidos
Publicador de contidos

Portugal deixa de esixir proba negativa para entrar no país dende hoxe

Portugal deixa de esixir proba negativa para entrar no país dende hoxe

A retirada da medida foi anunciada o pasado día 3

Esta pasada fin de semana houbo voos ao Porto e Lisboa onde xa non se pediu a proba negativa

Alberto Mancebo 07/02/2022 14:15

Dende hoxe, o país luso xa non esixe oficialmente un test de antíxenos ou PCR para entrar a través dos seus aeroportos. Con esta norma tamén se invalida a necesidade de amosar unha proba negativa por terra se se procede dun país en risco alto, unha esixencia que nunca foi aplicada realmente pero si existía no papel. 

O Consello de Ministros portugués aprobou esta medida o pasado día 3 e despois de anuncialo rexistráronse casos de voos ao Porto e Lisboa onde non se esixiu unha proba negativa para voar a Portugal, aínda que realmente a norma aplícase dende hoxe luns. 

O Goberno tomou esta decisión despois de ratificar que o país xa pasou o pico da súa quinta vaga pero tamén despois de analizar a situación epidemiolóxica dos principais países emisores de viaxeiros como Francia, Italia ou Reino Unido. Aínda así, o certificado de vacinación seguen sendo requirido para viaxar a Portugal. 

Deste xeito, os nosos veciños navegan cara á fin das restricións antes do que esperaban os propios especialistas da Dirección Xeral da Saúde. Os bos datos epidemiolóxicos e a baixa presión nos hospitais facilitan o alivio de restricións. Dende o organismo mesmo admiten a posibilidade de que en breve os positivos asintomáticos non teñan que illarse na casa. 

Actualmente en Portugal as restricións máis importantes pasan pola utilización de máscara en interiores, pasaporte covid para entrar en organismos oficiais, restaurantes e hoteis e unha proba negativa para acceder a pubs e discotecas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar